Icona calendario 03-06-2025

O centro municipal José Ángel Valente acolle desde hoxe a exposición Medio século tras a idea, Glaucón, de José Antonio Ocaña Martínez

15 de decembro de 2023 - 11:43

A mostra recolle 132 esculturas e unha pintura do polifacético artista, ourensán de adopción, realizadas ao longo de 50 anos de traxectoria


O centro municipal José Ángel Valente acolle desde hoxe venres, 15 de decembro, ás 20.00 h, a exposición Medio século tras a idea, Glaucón, de José Antonio Ocaña Martínez. A mostra recolle 132 esculturas e unha pintura do artista, ourensán de adopción, nunha viaxe a través de 50 anos do seu traballo menos coñecido: a escultura, coa que mantivo una constante conexión tras unha vida entregada á creación. Para iso efectuouse unha selección con 132 pezas, esculpidas desde 1972 até hoxe, restrinxida a obras inéditas nunca expostas, agás algún exemplo puntual, e acoutada a exemplares únicos, máis o matiz pictórico dunhas Zapatillas que interactúan coa súa versión tridimensional.

Con esta mostra, o Concello volve amosar a obra deste polifacético artista, que xa fora autor da exposición O feminino como pretexto, que acolleu en 2011 o Museo Municipal.

José Antonio Ocaña Martínez é un pintor e escultor nado en 1949. Aínda que as súas orixes naturais están na fronteiriza localidade de Frieira de Crecente (Pontevedra), el mesmo considérase un ourensán máis, non en balde as súas orixes artísticas teñen sede na Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense, onde comezou a descubrir os principios da estética, e a súa primeira exposición forma parte dos anais do Museo Arqueolóxico de Ourense. Ademais doutros estudos universitarios, é doutor en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid.

Jose Antonio Ocaña Martínez foi recentemente protagonista de dúas monumentais mostras individuais en relevantes institucións de Madrid como o Museo Nacional de Ciencias Naturais e a súa romántica contorna “Xardín das Belas Artes” do Paseo da Castellana (Ars naturale, 2016-2017), e no Pavillón Villanueva, paseo de Carlos III e o Estanque de Linneo do Real Xardín Botánico, lindeiro co Museo do Prado (Estéticas botánicas, 2018).

A exposición, que se inaugurará esta tarde (20.00 h) poderase visitar até o día 18 de febreiro, no horario habitual do espazo expositivo da rúa do Paseo: de martes a sábados, de 11.00 a 13.30 h e de 18.30 a 21.30 h, e os domingos, de 11.00 a 13.30 h.