Icona calendario 05-06-2025

Os bombeiros de Ourense participan nun curso práctico sobre o manexo do novo vehículo para intervención forestal

10 de xaneiro de 2022 - 15:05

O vehículo é unha bomba pesada para intervención forestal, completamente equipada, dotada con dispositivos de autoprotección | A súa adquisición supuxo un investimento de 323.999,99 euros


Os bombeiros de Ourense participan desde hoxe nun curso práctico sobre o manexo do novo vehículo para intervención forestal adquirido polo Concello de Ourense. Un técnico de Incipresa, empresa que subministrou o vehículo, impártelles a formación a todas as quendas de xeito que o persoal do servizo municipal aprenda a manexar o novo vehículo, coñeza as súas características e prestacións, así como os materiais e accesorios dos que dispón. Desenvolverase desde hoxe até o xoves, e consta de 4 horas de formación por quenda, en grupos de 4 por protocolo COVID e para acadar a maior eficiencia da formación.

O vehículo é unha bomba pesada para intervención forestal, completamente equipada, dotada con dispositivos de autoprotección fronte ao lume tanto do propio vehículo como dos seus ocupantes. A súa adquisición supuxo un investimento de 323.999,99 euros.