Ourense de noite

Aos que vos gusta deitarvos tarde e preferides explorar a vida nocturna da cidade, descubriredes por que Ourense se coñece como a «terra da chispa». Aquí gusta moito a festa, e sexa para tomar algo en boa compañía ou para saír a bailar, sempre atoparedes un local ao voso gusto e unha escusa para atrasar a volta a casa.

Cafés tradicionais

Ourense conserva aínda algúns daqueles máxicos cafés «dos de toda a vida». Paredes de madeira, mesas de mármore e butacas de coiro trasladarannos a outras épocas mentres gozamos dun cremoso café ou unha tisana. Antigos bazares convertidos en templos do jazz, locais con aroma a pub irlandés, ou o patio dun pazo do renacemento son algúns dos exemplos. As súas terrazas ocupan un enclave privilexiado na Praza de Santa Eufemia, con vistas á Catedral e moi concorrida nas noites de verán.

Cervexarías

Aínda que o viño e o licor café foron tradicionalmente as bebidas de Ourense, a cervexa vai facéndose un oco nos padais, e a cidade conta con varias marcas de produción artesá que merece a pena probar.

Terrazas

Moi solicitadas na cidade, especialmente durante o verán, cando polas tardes o termómetro dá un respiro, en Ourense abondan as terrazas concorridas e animadas. Imperdibles son as que se despregan baixo os soportais da Praza Maior, aínda que se o que se busca é un lugar tranquilo paga a pena probar sorte noutras como San Marcial, Mercedes, Madalena ou Eironciño dos Cabaleiros.

Saíndo do Centro Histórico, a parte superior do Parque de San Lázaro é tamén un lugar típico de terrazas, rodeando a estatua do Carrabouxo.

No barrio de A Ponte, entre a Avenida das Caldas e a Ponte Romana, tamén son habituais as terrazas, ideais para gozar do polbo os domingos.

Bares de concertos

A música en directo sempre é un bo plan para unha noite diferente, e a oferta de locais en Ourense que ofrecen estes espectáculos é máis que interesante.

Para coñecer máis sobre as actividades programadas, consulte a nosa axenda do mes.

Pubs e discotecas

A zona dos «Viños», en pleno Centro Histórico, concentra a maioría dos pubs e locais nocturnos da cidade, e é o sitio ideal onde ir tomar unha copa despois dunha cea a base de petiscos e tapas. As opcións son moitas e para todos os gustos, así que non será difícil que todo o mundo atope un bo porto onde recalar.

As noites nos «Viños» son longas, pero a última hora a acción trasládase ao Ensanche. Nas rúas próximas á Praza das Mercedes atoparedes discotecas onde tomar a última e continuar bailando ata que o corpo aguante.

 

Compartir