O Consello Municipal de Deportes acomete melloras en Oira, Palmés e Santa Cruz de Arrabaldo por 145.000 euros

15 de outubro de 2021 - 12:18

O concelleiro de Deportes, Mario Guede, sinala que “estes traballos son a continuación de todo o que levamos feito nos últimos anos, dándolle un impulso cualitativo ás nosas infraestruturas deportivas” | En Oira, os traballos de mellora (cun importe de 50.000 euros) teñen como obxecto que os xogadores de fútbol poidan realizar exercicios complementarios para mellorar a súa disposición ao xogo en instalacións axeitadas


...

O presidente do Consello Municipal de Deportes e concelleiro de Deportes, Mario Guede, visitou esta mañá a obra de mellora nas instalacións deportivas do polideportivo de Oira, consistente na colocación de tarimas, fiestras substituíndo pavés, enlucidos de teitos e paredes, pintado dos mesmos, instalación de novos canalóns e reparacións na cuberta. Estes traballos, cun importe de 50.000 euros, teñen como obxecto que os xogadores de fútbol poidan realizar exercicios complementarios para mellorar a súa disposición ao xogo en instalacións axeitadas.

Estas obras súmanse as tamén executadas en Santa Cruz de Arrabaldo e Palmés, sumando todas elas 145.000 euros de orzamento. Así, en Santa Cruz de Arrabaldo, os traballos de mellora contemplan o nivelado de solera do terzo oeste do campo, que linda coa vía de ferrocarril, por desprazamento do noiro, incluíndo canaletas de desaugue e pegado de herba sintética. Suporán un investimento de 60.000 euros.

En Palmés, cun investimento de 35.000 euros, os traballos de mellora inclúen a instalación de cuberta nos vestiarios, falsos teitos e solución para evitar a condensación mediante chemineas, así como melloras en paredes e enlucidos. No que atinxe ao terreo de xogo, contémplase unha renivelación do mesmo e retirada de herbas logo do período de inactividade, así como a instalación de novas redes. Tamén se contratou o proxecto de instalación de herba sintética.

Estas actuacións súmanse a outras realizadas a outras como foron o propio campo de Oira (cambio de céspede e rego), así como no dos Remedios ou o de Vilar de Astrés. Tamén se inclúe a recente obra no campo de hóckey de Mariñamansa que será inaugurada proximamente. “Con todas estas obras estamos dando un salto cualitativo na mellora das nosas instalación. O Deporte na cidade medrou moito e cada vez se demandan máis instalacións, motivo polo cal desde o Consello Municipal de Deportes estamos levando a cabo moitas accións de mellora”, sinala Mario Guede. O concelleiro de Deportes tamén lembra obras recentes en polideportivos municipais (anexo dos Remedios, Campo da Feira e proximamente na Carballeira, “o que evidencia que estes últimos anos teñen sido moi produtivos para o deporte ourensán, e estas obras permitirán ter máis e mellor deporte na nosa cidade”.

Archivos relacionados:

Imagenes:
211015_Obras_Oira.pdf