O Concello poñerá en marcha unha campaña de sensibilización e control de lecer

26 de novembro de 2021 - 15:18

As concellerías de Seguridade Cidadá, Comercio e Urbanismo estreitan a colaboración no control da actividade de locais de lecer, ruídos, pintadas, ocupación de vía pública e actividades sen licenza, ou que non se axustan a esta.


...

O Concello de Ourense, a través de varias Concellerías (Seguridade cidadá, Comercio e Urbanismo) e a Policía Local poñerán en marcha inminentemente, unha campaña especial de sensibilización e control de lecer que abarcará diversas actividades, como pintadas Ilegais, control de locais de lecer, ruídos, ocupación de vía pública e actividades sen licenza, ou que non se axustan a esta. Foi o acordo ao que se chegou nunha reunión entre os concelleiros de Urbanismo, Sonia Ogando, e Seguridade Cidadá e Comercio, Telmo Ucha, coa xefa da Policía Local e mandos do corpo para tratar esta problemática e buscar unha maior coordinación entre todos os departamentos municipais.

A concelleira Sonia Ogando agradece “a boa disposición a colaborar entre as concellerías de Seguridade Cidadá e Urbanismo, clave para que entre todos traballemos na solución de determinados problemas que preocupan aos veciños, por exemplo os ruídos, pintadas, actividades sen licenza, o que supón un agravio comparativo con quen si cumpren (a maioría). Xuntos será máis fácil atopar solucións para a convivencia veciñal, agradecendo a implicación e colaboración da Policía Local, sen a cal sería imposible este obxectivo”, asegura.

A intención non é outra que o cumprimento da diversa normativa que afecta a estas actividades para garantir a axeitada convivencia. Para iso pídese primeiramente a sensibilización cidadá e a súa colaboración para conciliar lecer e dereitos do cidadáns pero tamén respecto a aquelas actividades (a maioría) que si cumpren coa normativa vixente.

Á súas vez realizaranse controis aleatorios e frecuentes en establecementos públicos e zonas sensibles para inspeccionar e corrixir calquera tipo de infracción, co obxectivo de “tolerancia 0”.

No caso da hostalaría seguiranse as indicacións que se renovan constantemente desde a Xunta de Galicia para combater os contaxios de Covid (Hostalería Segura) pero ademais, ao detectarse certos incumprimentos sobre actividades sen permiso ou que non se axustan a este, (algunhas relativas a permisos, terrazas ou instalacións, entre outras), extremaranse os controis para reorganizar adecuadamente estas actividades e non consentir nin relaxación de medidas nin incumprimentos das ordenanzas municipais ou calquera outro tipo de normativa en vigor. Vaise combater con firmeza calquera situación de descontrol.

Lémbrase que segue habendo expedientes sancionadores pendentes de tramitación, polo que a sensación de impunidade, que algún infractor pode transmitir, non só é falsa senón que non ten cabida e sería un erro grave reincidir na infracción debido a que o obxectivo prioritario desta Administración é acabar coa reincidencia de infraccións, e as medidas para iso son:

  • Unha maior celeridade na tramitación de expedientes

  • Sancións económicas que teñan en conta a reincidencia

  • Suspensión de actividade.

Como complemento ao labor inspector da Policía Local vai sumar, especificamente, un inspector de Comercio para poder abarcar e xestionar con celeridade o volume de traballo que xa se está incrementando.

No apartado de pintadas ilegais, lémbrase que anos atrás, grazas á investigación e instrución de dilixencias xudiciais, por parte da Policía Local, varios grupos de mozos responderon ante a Xustiza de varios actos delituosos deste tipo e aínda que o resarcimiento dos danos causados ás veces pode demorarse no tempo, nin sae gratis nin barato para os seus autores, polo que se mellorarán os métodos de vixilancia e a investigación destes feitos.

Archivos relacionados:

Imagenes: