Concello
Información da organización e estruturación do Concello
Áreas
Información da división en áreas municipais que forman o Concello
Actualidade
Información de noticias, próximos eventos, notas de prensa...
Cidadanía
Información referente ás vias de contacto co Concello e a posiblidade de transladar incidencias, sugerencias...
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Que os Fondos Europeos para a recuperación Next Generation, non son a única ferramenta para sair da grave crise social e económica na que nos atopamos como consecuencia da pandemia derivada da COVID-19 é unha evidencia.
Ao anterior hai que engadirlle a pouca transparencia en relación tanto ao reparto dos mesmos dentro do propio territorio estatal como aos requisitos precisos para poder optar a eles, consecuencia do afán centralizador do actual Executivo de PSOE e UP.
Aínda así, e grazas á dispoñibilidade de ditos fondos, é certo que desde o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, comezan a xurdir programas máis que interesantes para as administracións locais, sen dúbida, as peor paradas no reparto realizado dentro do actual modelo de financiamento pero as que acumulan unha maior presión e prestación de servizos, moitas veces impropios, consecuencia de ser a administración máis próxima ao cidadán e a que primeiro acoden estes en caso de precisalo.
Dentro de todos os programas habilitados e que como dicimos son de sumo interese para un concello coma o de Ourense, hoxe queremos facer fincapé no Programa PIREP, ou o que é o mesmo, o Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos.
Falamos dun programa dotado cunha partida de 600 millóns de euros para as entidades locais. Articúlase coa convocatoria de axudas mediante concorrencia competitiva e destinadas á rehabilitación ou construcción de novos equipamentos públicos de diferente natureza, é dicir, usos administrativos, educativos, asistenciais, deportivos, sanitarios, culturais ou de servizos públicos varios coa única premisa de que os proxectos unha vez executados, acaden un aforro enerxético medio superior ao 30 %.
A propia convocatoria do programa determina unha serie de categorías en función das diferentes actuacións que se pretendan levar a cabo. Deste xeito atopamos axudas para a mellora da eficiencia enerxética dos edificios públicos e onde o financiamento pode chegar mesmo ao 100%.
Mais tamén as hai para obras destinadas á mellora da eficiencia ambiental en materia da auga, no emprego de materias, para a xestión de residuos, protección da biodiversidade, mellora da accesibilidade coa eliminación de barreiras arquitectónicas e a mellora da accesibilidade cognitiva e sensoria.
Tamén entran dentro do programa os proxectos dirixidos á conservación dos edificios e mesmo unha liña específica para o financiamento de ata o 100% na redacción dos proxectos.
Como xa comentamos con anterioridade e segundo se recolle nas propias bases do programa, os proxectos escolleranse a través de criterios de asignación e onde os indicadores enerxéticos, medioambientais, de implementación de sistemas de xestión dixitalizados, de interese arquitectónico ou mesmo de mellora da contorna van ser chave para a súa aprobación.
Entendemos polo tanto que estamos diante dunha boa oportunidade para que o Concello de Ourense acometa dunha vez a tan necesaria reestructuración dos diferentes servizos municipais, actualmente dispersados por toda a cidade coa rehabilitación e modernización de boa parte das dependencias e instalacións municipais, cuio estado de deterioro e obsolescencia é máis que evidente, ou mesmo coa rehabilitación de novos edificios para uso público.
Debemos aproveitar a oportunidade de poder realizar todas estas actuacións tan necesarias para o bo funcionamento da administración captando os fondos europeos que nos permitan acometer os proxectos precisos sen ter que soportar nas arcas municipais os custos dos mesmos de maneira íntegra.
A miúdo fálase de reestruturar servizos, de optimizar recursos e instalacións e mesmo de concentrar aqueles que se atopan actualmente dispersos. Pois ben, desde o BNG entendemos que boa parte desas actuacións, teñen encaixe dentro dos requisitos e obxectivos do programa PIREP polo que entendemos necesario optar aos fondos do mesmo e contribuir deste xeito á modernización do noso concello, algo tan necesario como urxente.
Por todo o anterior, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense solicita do pleno da corporación a adoción do seguinte
ACORDO
1. Instar ao Goberno Local do Concello de Ourense á elaboración e presentación dos proxectos precisos para poder optar aos fondos habilitados dentro do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) posto en marcha polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e poder mellorar e acondicionar aquelas dependencias e instalacións municipais que o precisen así como para a rehabilitación de edificios destinados ao uso público.
O Concello Pleno, por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.
18/02/2022: Remitido o acordo plenario ao Gabinete de Alcaldía. Recibido o aviso de recepción o 18/02/2022.
Documentos para descargar: