Responsive image 27-05-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

Ilumínase a escultura de Concepción Arenal “para que todo o ano sexa 8M”

8 de marzo de 2021 - 09:27


Imagen de noticia

A glorieta de Concepción Arenal loce iluminación artística nocturna de cor morada desde esta madrugada en adhesión á celebración do Día Internacional das Mulleres. O Concello de Ourense tomou esta iniciativa como acto simbólico nesta data en homenaxe a unha das mulleres máis distinguidas en España na loita pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

A iluminación artística lucirá todos os días do ano: “Cremos que o Día Internacional das Mulleres non debe ser un só día do ano, que todo o ano sexa 8M”, afirma o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. “Por iso”, di, “optamos por manter a iluminación acendida para que cada día nos lembre que queda moitísimo camiño por avanzar e lembrarnos todas as desigualdades que existen na nosa sociedade”.

Concepción Arenal Ponte (Ferrol, 1820 - Vigo, 1893) foi muller de leis, pensadora, xornalista, poeta e autora, precursora do Traballo Social en España. Ao longo da súa vida e obra denunciou a situación dos cárceres, a miseria nas casas de saúde ou a mendicidade e a condición da muller no século XIX, sendo unha das máis claras precursoras do feminismo actual.

En 1892, aínda en vida da escritora, promóvese a idea de erixirlle unha estatua en Ourense. Así, un ano despois constitúese unha comisión para erixila e publícanse as bases do proxecto nas que se convida á raíña rexente a que inicie a subscrición. O Concello de Ourense acordou contribuír con tres mil pesetas.

O emprazamento tamén creou polémica nos plenos do Concello, xa que moitos reivindicaban a Praza Maior como escenario idóneo. En 1896, e por unanimidade, elíxese o proxecto presentado polo escultor segoviano Aniceto Marinas: formado por unha fonte de pedra de dous niveis -obra de Parada Justel- e unha estatua de 2,60 m de altura en fundición de bronce que se colocará na praza do Bispo Cesáreo.

O 4 de febreiro de 1969, o mesmo día en que se cumprían setenta e seis anos do falecemento de Concepción Arenal, a estatua foi trasladada ao novo emprazamento, no que se atopa actualmente.