Responsive image 02-07-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

Relación de asuntos Xunta de Goberno Local 22/7/21

22 de xullo de 2021 - 11:06


Imagen de noticia

A xunta de goberno local, reunida esta mañá en sesión ordinaria, deu conta de 25 asuntos achegados por diferentes áreas e servizos municipais.

Avogacía consistorial (7). Dúas sentenzas e cinco comparecencias.

As sentenzas desestiman recursos contenciosos contra as decisións do Tribunal Económico Administrativo do Concello: a primeira desestima o recurso dun centro médico ao considerar que está de acordo coa normativa vixente ao non ter reclamado dentro do prazo legal, de dez días; a segunda confirma que o Concello actuou ben ao imporlle unha sanción de 500 euros acompañada da retirada de 6 puntos do carné a unha particular que conducía de forma temeraria por diferentes rúas da cidade, xa que existen suficientes probas de cargo.

O Concello deberá comparecer, en calidade de demandado, en cinco procedementos xudiciais: na reclamación interposta para a devolución do Imposto de Actividades Económicas -reclaman 14.265,11 euros-; en tres reclamacións polo Imposto sobre o Incremento de Valor de Terreos de Natureza Urbana -reclaman 2.544,99 euros, 7.255,16, e 10.913,67 euros respectivamente-; e nunha reclamación laboral polo traslado dunha traballadora do seu posto .

Licenzas (8). Concedéuselle licenza á Xunta de Galicia para a renovación da cuberta do CEIP Mariñamansa, un proxecto cun orzamento de 206.948,34 euros. Ademais, concedéronse licenzas para senllos proxectos de rehabilitación de vivendas unifamiliares, unha na rúa Curuxa e outra no Camiño da Cima, e para a reforma interior e de fachadas dunha vivenda en Seixalbo. Aprobouse igualmente a modificación do proxecto básico para a construción dun edificio de vivendas na Avenida das Caldas.

Ademais, concedéronse dúas prórrogas: unha para a construción dun edificio de vivendas na rúa Hornos, outro para a demolición de dous edificios entre as rúas Vicente Risco e Ramón y Cajal.

Finalmente, concedéuselle á Xunta de Galicia a declaración de innecesariedade de segregación dunha parcela no campo de fútbol do Couto, na que existen catro áreas de solo urbano consolidado -de 16.007 m2, 286,3 m2, 1.928,6 m2 e 164,1 m2-.

Xestión Urbanística (1). Tomouse coñecemento da resolución do Xurado de Expropiación de Galicia, de 27 de maio de 2021, polo que se fixa en 1.834.367,17 euros o prezo da expropiación por ministerio de lei da Finca Acevedo, na Cruz Alta. O Concello deberá incoar un expediente de modificación orzamentaria para dotar a partida económica coa que se ten que atender o presente gasto.

Patrimonio (6). Estímase unha reclamación patrimonial polos danos ocasionados nunha motocicleta como consecuencia da caída dun MUPI na rúa Celso Emilio Ferreiro, e que provocou danos por valor de 1.989,09 euros. Estímase tamén, parcialmente, unha reclamación polos danos nun vehículo como consecuencia das filtracións de auga dun xardín da Avenida de Marín, estimados en 1.000 euros.

Por outra parte, desestímanse -ben por non ser o Concello a administración responsable, ben por exceder o tempo de reclamación ou por non concorrer os requisitos legais para percibir unha indemnización- as reclamacións polas lesións sufridas como consecuencia dunha caída na beirarrúa do parque de San Lázaro; por unha caída na Avenida Ribeira Sacra como consecuencia do xeo; por unha caída na rúa Alejandro Outeiriño; e polos danos causados nun vehículo por unha focha na rúa Antonio Faílde Gago.

Contratación (1). Aprobouse o expediente para contratar o servizo delegado de protección de datos do Concello de Ourense para as vindeiras tres anualidades, cun importes de licitación de 13.586 euros (IVE engadido) por ano.

Persoal e Recursos Humanos (1). Valídase a función interventora no nomeamento, en comisión de servizo, do posto de xefe do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Ourense.

Sistemas de Información (1). Apróbanse unha xustificación de facturas de gastos correntes por importe de 100,43 euros incluídas na conta xustificativa de 2021.