Os alcaldes de Ourense e do Pereiro de Aguiar achegan posturas para o impulso de proxectos de infraestruturas e de servizos

8 de outubro de 2021 - 12:07

Gonzalo Pérez Jácome e Luís Menor reuníronse esta mañá para tratar o modo de conectar ambos concellos a través da extensión das liñas de autobús da capital. | Tamén falaron do proxecto de acondicionamento da senda peonil e da estrada que une ambas localidades a través de Montealegre. | Existe un absoluto acordo e boa vontade entre as dúas institucións para a execución dos proxectos.


...

Os alcaldes de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e do Pereiro de Aguiar, Luís Menor, reuníronse esta mañá para achegar posturas para o impulso de proxectos en materia de infraestruturas e de servizos. Concretamente, a conexión a través da extensión das liñas de autobús da capital, o arranxo da estrada que une as dúas localidades pola estrada de Montealegre, e a senda peonil desde a ribeira termal de Ourense até o encoro de Cachamuíña. “En calquera dos casos, trátase de prestarlles un mellor servizo aos cidadáns”, asegura Pérez Jácome.

No caso da extensión das liñas de autobús, serían as do propio Concello de Ourense as que penetrarían no do Pereiro, que se encargaría de achegar o custe adicional. Esta petición trasladaráselle á Xunta de Galicia para a súa autorización, xa que é a institución que ostenta as competencias en materia de transporte metropolitano.

Tamén se lle solicitará á Xunta e á Deputación provincial axuda no arranxo da estrada que une ambos concellos a través do Montealegre, unha vía moi limitada pero con alto índice de tráfico, xa que é moi empregada por traballadores do polígono industrial do Pereiro que viven en Ourense. Igualmente, quérese impulsar definitivamente o proxecto de senda peonil entre a ribeira termal de Ourense e o encoro de Cachamuíña, uns traballos que o concello veciño do Pereiro de Aguiar xa avanzou coa limpeza e acondicionamento de espazos naturais.

Entre ambos rexedores existe un absoluto acordo e boa vontade para a execución dos proxectos -”algúns deles xa maduros”, en palabras de Luís Menor-, que precisarán doutras institucións supramunicipais para a súa posta en marcha.

A reunión, que contou coa presenza de Fran González, concelleiro de DO en Pereiro de Aguiar, tamén serviu para falar da actualización dos lindes entre os dous concellos, un trámite administrativo para unificar e delimitar a fronteira exacta entre os dous concellos, e que conta co apoio da Dirección Xeral do Catastro.

 

*AUDIO - Interveñen, por esta orde: Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense; Luís Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar; e Fran González, concelleiro de DO no Concello do Pereiro de Aguiar.