O Concello volcarase un ano máis na campaña de recollida de alimentos, na que quere implicar tamén a iniciativa privada

23 de novembro de 2021 - 12:35

O concelleiro de Seguridade, Telmo Ucha informou en xunta de área de que o Concello aloxou no Fogar do Transeúnte a tres persoas sen teito que durmían na rúa do Progreso e Saénz Díez


Imagen de noticia

O Concello de Ourense volcarase un ano máis na campaña solidaria de recollida de alimentos que desenvolve polo Nadal a agrupación de Protección Civil, coa colaboración do Banco de Alimentos e diferentes entidades da cidade. Así o avanzou esta mañá en xunta de área o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, quen explicou que desde a súa concellería estreitarán a colaboración coas de Política Social e Deportes para impulsar esta iniciativa, que ten como finalidade recoller alimentos non perecedoiros e xoguetes para facerllos chegar ás persoas que máis o precisan, habilitando numerosos puntos de recollida na cidade.

Ucha adiantou que pretende este ano aumentar a implicación da iniciativa privada e contactará cunha empresa do sector da alimentación para que respalde a proposta realizando as súas propias aportacións á campaña. Tamén valora organizar actividades para darlle máis visibilidade e impacto á campaña solidaria.

O concelleiro deu conta tamén das intervencións realizadas no día de onte pola Policía Local, en colaboración coa de Política Social, nas que persoas sen teito foron aloxadas no Fogar do Transeúnte. No primeiro caso, na rúa do Progreso, recibíronse na Policía Local chamadas de veciños e empresas advertindo da presencia de persoas sen teito que pernoctaban na rúa en condicións precarias. No segundo, as chamadas procedían de nais e pais cuxos fillos acoden a diario ao colexio que se atopa nas súas proximidades

Son casos “moi delicados”, explicou o concelleiro, quen contacou coa concelleira de Política Social, Eugenia Díaz, para coordinar a intervención. Nambos casos ofrecéuselles ás persoas afectadas a posibilidade de aloxarse no albergue municipal, onde poderían pernoctar en mellores condicións ca na rúa. Aínda que inicialmente foron reticentes, finalmente accederon e pasaron a noite no Fogar do Transeúnte, onde permanecerán até que resolvan as súas respectivas problemáticas.

Na rúa do Progreso tratábase de dúas persoas, nai e fillo, dos que a primeira expresou o seu desexo de regresar ao seu domicilio, en Lugo. Tras comprobarse que tiñan moitas maletas e enseres, a Policía Local procedeu a precintalos, para evitar roubos, e serán levados a un lugar axeitado, onde poidan conservarse á disposición dos seus propietarios

No caso da persoa sen teito de Saénz Díez, tamén neste caso, se lle invitou a aloxarse no Fogar do Transeúnte, onde pernoctou e continuará mentres o precise. Tamén se recolleron as súas mantas e enseres.