O Concello suprime a elección do Rei ou Raíña do Entroido por ser unha figura “anacrónica, xa que reis e raíñas son todas as persoas que participan na festa”

13 de xaneiro de 2022 - 11:41

O goberno municipal potenciará a celebración da festa fomentando o seu carácter popular, con apostas como a do gran desfile de Entroido e o desfile infantil.


Imagen de noticia

O goberno municipal eliminará este ano da programación do Entroido de Ourense a elección do Rei ou Raíña do Entroido. O goberno municipal entende que esta é “unha figura anacrónica xa que os reis e raíñas do Entroido son todas persoas que participan na festa”. Explican a este respecto que “o Entroido non vai de entronizar unha figura, non é unha festa de misses e misters, senón unha festa popular, de todo o pobo, e da que todas as persoas son protagonistas”.

O goberno municipal potenciará a celebración da festa fomentando ese carácter popular, con apostas como a do gran desfile de Entroido, e a súa extensión ao público infantil, coa celebración dun desfile de nenas e nenos o venres de Entroido.

Neste sentido, o alcalde avanzou o pasado luns en rolda de prensa que o Concello mantén o “Plan A” para a celebración desta festa, coa confianza de que a pandemia remita e non aumenten as restricións. Haberá, dixo, 4 grandes orquestras, carpas para actividades e unha zona de Entroido Infantil con carpas durante os 4 días, amais do desfile infantil, o gran desfile do Entroido e o Enterro da Sardiña. Serán, dixo, unhas festas nas que confía en “manter chea a Praza Maior desde o sábado até o martes de Entroido, como fixemos en 2020”. A programación festiva terá como colofón o concerto que ofrecerá a cantante Marta Sánchez no Auditorio Municipal de Ourense o sábado, día 5 de marzo.