O Concello reforzará a presencia da Policía Local na rúa, con novos axentes e mobilizando efectivos que hoxe realizan labor administrativa

23 de novembro de 2021 - 16:25

O concelleiro Telmo Ucha informa en xunta de área dos proxectos en marcha na Concellería de Seguridade Cidadá, como crear unha patrulla medio ambiental e unha mesa de compras


Imagen de noticia

O Concello de Ourense porá en marcha de inmediato unha mesa de compras como órgano asesor para a adquisición de equipos para o Servizo de Extinción de Incendios e tamén estudia poñer outra en marcha na Policía Local. Así o explicou esta mañá en xunta de área o concelleiro de Seguridade Cidadá, Temo Ucha, partidario de trasladar a Ourense un modelo que se utiliza noutros parques de bombeiros “e que funciona moi ben”, asegurou.

O concelleiro de Seguridade adiantou tamén que nos próximos meses haberá un reforzo importante da presenza da Policía Local nas rúas da cidade. Por unha banda, coa incorporación de 18 novos axentes, prevista para os próximos meses. Por outra, mediante unha reordenación de efectivos. Neste senso, explicou que certos traballos meramente administrativos que se realizan nas oficinas da Policía Local pasarán a ser realizados por funcionarios do Concello, de forma que os axentes que hoxe os executan poidan saír a facer traballo de rúa. Tamén explicou que se constituirá unha patrulla medio ambiental, dotando cada quenda de mañá e tarde dun policía especialista en medio ambiente, para que realicen control de problemas como os ruídos, as vertedeuras ou o control dos animais potencialmente perigososos, entre outros. Telmo Ucha tamén adiantou que manterá unha xuntanza coa concelleira de Urbanismo para axilizar a tramitación das denuncias por ruídos, entre outros temas relacionados coas dúas concellerías.

O edil de Seguridade expresou a súa satisfacción pola detención dun sospeitoso de deixar alfinetes con cebos para animais en parques da cidade, aínda que lamentou a filtración da súa identidade a través das redes sociais que, dixo, “puido ter graves consecuencias”.

Ucha explicou que durante toda a investigación, na que se implicou e colaborou a Policía Local, mantivo a discreción que lle requiriron desde a Policía Nacional e desde a Subdelegación de Goberno, “para manter un deber de segredo imprescincible para dar co paradoiro desta persoa”, e manifestou que lle comunicou ao subdelegado de Goberno “o meu descontento por que se filtrase antes de tempo quen era o sospeitoso. Antes de que se rexistrase o seu domicilio xa estaba en redes sociais esta información. Isto é algo de extrema gravidade _explica_,xa que a persoa podía ser inocente e xa circulaba polas redess sociais o seu nome, a profesión e a empresa na que traballaba”. Por iso, dixo, “esixo que se actúe con contundencia, porque podería ter pasado algo moi grave”

Tráfico na contorna dos colexios

Telmo Ucha explicou tamén que o Concello recibiu propostas de diferentes centros educativos para evitar os problemas de tráfico e seguridade viaria que se producen a cotío ás horas de entrada e saída do alumnado. “Ímolas someter a estudio e de ahí tomaremos ideas e estudiaremos cales se poden levar a cabo”. En calquera caso, afirmou: “Hai que aplicar medidas e e eliminar malos hábitos. En xaneiro, á volta de vacacións, a xente ten que ter outro xeito de deixar os rapaces, si ou si”.