Responsive image 15-08-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

O Concello recibe o premio “Escoba de platino”, máximo galardón estatal aos servizos de limpeza e recollida de lixo

16 de xuño de 2022 - 12:34

O alcalde Gonzalo Jácome recolleu onte en Madrid o premio, que a cidade recibe por segunda edición consecutiva


Imagen de noticia

A cidade de Ourense recibe o premio “Escoba de Platino”, o máximo galardón para servizos de limpeza e recollida de lixo nas cidades españolas do certame “Escobas de plata, ouro e platino”, que organiza a Asociación Técnica para a Xestión de Residuos e Medioambiente (Artegrus).

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome recolleu o premio ao Concello nun acto que tivo lugar no día de onte en Madrid, no marco da Feira Internacional do Urbanismo e Medio Ambiente, TECMA 2022, organizada por IFEMA Madrid no seu recinto feiral.

Esta é a edición número 18 do galardón, que ten como obxectivo distinguir aquelas actuacións e traballos que se realicen para mellorar ou defender a xestión dos residuos, a limpeza e o aseo urbano en xeral das cidades e industrias. O certame ven desenvolvéndose desde 1987 e ten periodicidade bienal.

O goberno municipal destaca que esta é a segunda vez en 2 anos que a cidade de Ourense obtén o máximo galardón do certame, a denominada “Escoba de platino”. En 2020, o servizo, dependente da Concellería de Limpeza e Medio Ambiente, e que presta a empresa Ecourense, obtivo o premio polo proxecto “Limpezas intensivas dos barrios”, unha iniciativa que tiña como obxectivo recuperar o nivel de limpeza óptimo naquelas zonas que por distintas circunstancias requirían unha intensificación dos servizos.

Este ano 2022, o Concello de Ourense volve obter a vasoira de platino, neste caso, sinala o xurado, pola “potente” campaña de concienciación e sensibilización medioambiental desenvolvida a través de diferentes medios, co obxectivo de “expoñer aos cidadáns problemas ambientais reais, despertando a súa sensibilidade a través de mensaxes breves, claros e precisos”.

O goberno municipal pon de manifesto a importancia deste galardón, que pon á cidade no máximo nivel de limpeza a nivel estatal, xunto a cidades como Vitoria, San Sebastián ou Oviedo, que reciben este ano o mesmo premio ca Ourense, por un servizo que ademais é altamente valorado pola cidadanía nas enquisas de valoración municipal.

O alcalde de Ourense destaca o bo traballo do servizo municipal, e recoñece “o labor e o esforzo que o persoal realiza para que a cidade estea cada días nas mellores condicións de limpeza posibles, contribuíndo decisivamente para que Ourense reciba este premio”.