Responsive image 27-05-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

O Concello presenta 'Lousas', de Xesús Manuel Marcos, obra gañadora do XXI Premio Risco de Creación Literaria

16 de novembro de 2021 - 13:29

O xurado salienta a forma na que está narrada -“eficaz, quere isto dicir ao servizo da historia, e non de quen a escribe”- e a súa estrutura: “o tempo literario, a precisión da linguaxe, as maneiras de contar e suxerir para que todo flúa nunha lectura capaz de seducirnos ata o final” | O premio deste concurso é de 6.000 euros en metálico e a publicación da obra, ademais de formar parte do xurado na seguinte edición


Imagen de noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o autor, Xesús Manuel Marcos, presentaron esta mañá no salón de actos a obra Lousas (Ed. Dr. Alveiros), merecente do XXI Premio Risco de Creación Literaria que convocan o Concello e a fundación Risco.

Xunto a eles estiveron Xosé Rodríguez Díaz, en representación da fundación, quen salientou a vixencia dun certame que supera as súas décadas “e ao que lle queda moita vida”, e Mónica F. Valencia, que actuou como secretaria do xurado, e leu os motivos polos que se tomou a decisión de premiar esta obra de entre as 10 presentadas a concurso: “A historia que conta, que á vez son moitas historias, fálanos de algo próximo, recoñecible, e lévanos a pensar sobre as condutas humanas e os intereses que as moven”.

O xurado, composto por María Beatriz Arias López, Mila da Aira Fernández e Jorge Llorca -gañador da edición anterior-, valora tamén é a forma na que está narrada -“eficaz, quere isto dicir ao servizo da historia, e non de quen a escribe”- e a súa estrutura: “o tempo literario, a precisión da linguaxe, as maneiras de contar e suxerir para que todo flúa nunha lectura capaz de seducirnos ata o final”. En definitiva, “unha novela madura, correcta, ben feita, que nos devolve ao pracer da lectura”.

O autor, Xesús Manuel Marcos, confesou que o relato xorde dunha vivencia persoal e amosa moitos dilemas: “o de quedar no sitio para loitar ou abandonar e marchar; o espolio dos recursos naturais; a busca da esencia; a loita entre os ideais e a realidade política...” Nas súas propias palabras, Lousas “é unha busca da nosa propia esencia”.

O premio deste concurso é de 6.000 euros en metálico máis a publicación da obra. Ademais, o autor formará parte do xurado na seguinte edición.