O Concello precinta de novo un establecemento por exercer reiteradamente a actividade de café bar especial sen autorización municipal

27 de setembro de 2021 - 13:10

O local Golden, na rúa Pizarro, exercía a actividade de café-bar especial sen licenza municipal nin acto previo comunicado, e xa fora precintado por este motivo o 27 de agosto | Foi desprecintado o pasado 8 de setembro en virtude dun decreto asinado pola concelleira de Urbanismo, coa advertencia expresa ao seu titular de non exercer actividade de café bar especial por carecer da preceptiva licenza


Imagen de noticia

A concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando, ordenou, por segunda vez nun mes, o precinto do local de hostalaría Golden, sito no número 12 da rúa Pizarro, por exercer a actividade de café bar especial sen contar con licenza municipal nin acto comunicado, reincidindo ademais na infracción.

O establecemento xa fora precintado o pasado 27 de agosto por este motivo, incumprindo ademais a orde de suspensión de actividade dada previamente por providencia da Concellería de Urbanismo.

O pasado 8 de setembro, en virtude do disposto nun decreto da Concellería de Urbanismo, foi desprecintado o local coa advertencia expresa ao seu titular de non exercer actividade de café bar especial, por carecer da preceptiva licenza.

A Policía Local comprobou os pasados 12 e 18 de setembro que dito decreto foi incumprido ao constatar que o citado local estaba a exercer actividade de café bar especial.

O local non posúe a licenza de café bar especial e polo tanto incumpre a legalidade vixente. Déuselle a oportunidade de retomar a súa actividade, cumprindo coa súa licenza, pero reincidiron sistematicamente na infracción. Sempre apoiaremos á Hostalaría, pero facendo cumprir a lei, evitando así a inxustiza e o agravio comparativo cos que si exercen actividade para a que teñen licenza”, sinala a concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando.