O Concello de Ourense realiza traballos de limpeza da cunca do río Barbaña

23 de novembro de 2021 - 13:08

O obxectivo é unha limpeza completa da ribeira do río ao seu paso pola cidade de Ourense / Os traballos alcanzan o importe de 17.955,4 euros, e céntranse na retirada das árbores caídas nas beiras do río para mellorar a súa limpeza e estado de conservación


Imagen de noticia

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, iniciou traballos de limpeza da cunca do río Barbaña, co fin de retirar tapóns naturais froito de árbores caídas, ramas ou restos de vexetación, que dificultan o fluído do leito ecolóxico e que poden chegar a provocar incidencias no fluxo dos ríos ou nas actividades que os veciños realizan nas súas marxes.

A limpeza eliminará os restos que provocan represas, pero tamén se traballará na roza e retirada das ramas rotas dos paseos do Barbaña ao seu paso pola cidade.

Para o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, esta actuación “é necesaria para protexer tanto a nosa riqueza azul, que son os nosos ríos, como as actividades que os veciños desenvolven nas súas ribeiras”. Jorge Pumar indica que un dos obxectivos inmediatos do seu mandato, “é a posta en valor dos ríos para que se convertan no protagonista natural da vida da cidade”.

Os traballos céntranse nos tramos que amosan unha maior aglomeración de residuos, e consisten no aserrado e retirada dos exemplares caídos no leito, a limpeza da maleza acumulada nas represas creadas, e a retirada de ramas de árbores caídas na zona de leito co fin de preservar a vexetación da ribeira e conservar a imaxe dos ríos ao seu paso pola cidade.

Nunha segunda fase, os traballos centraranse na roza e limpeza de ramas das zonas de paseo da cidade por parte da empresa concesionaria do servizo de mantemento de parques e xardíns.

Para a Concellería de Medio Ambiente, este traballo inicia unha serie de actuacións que se desenvolverán nos próximos meses de limpeza e adecuación dos ríos da cidade para facilitar o uso e goce dos leitos dos ríos ourensáns.

O concelleiro Jorge Pumar lembra que este tipo de actuacións son clave para preservar o río, pero á vez solicita a colaboración de todos para evitar que as ribeiras presenten acumulación de lixo.