Responsive image 15-08-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

O Concello de Ourense promove unha campaña para darlles unha segunda vida ás árbores do Nadal dos fogares da cidade

7 de xaneiro de 2022 - 14:09

Ten como obxectivo a recollida de árbores en bo estado que serán coidados polo persoal de xardinería do Concello, -e posteriormente replantados nos espazos urbanos de xardineiras municipais-, como a recollida das árbores xa en estado de deterioración, ou sen garantía de volver a unha contorna natural, que serán recuperados como compost no punto limpo verde, para o seu uso na xardinaría da cidade.


Imagen de noticia

A Concelleria de Medio Ambiente do Concello de Ourense promove unha campaña de recollida de árbores de Nadal naturais para darlles unha segunda vida na contorna da cidade.

A campaña ten como obxectivo, tanto a recollida de árbores en bo estado que serán coidados polo persoal de xardinería do Concello, -e posteriormente replantados nos espazos urbanos de xardineiras municipais-, como a recollida das árbores xa en estado de deterioración, ou sen garantía de volver a unha contorna natural, que serán recuperados como compost no punto limpo verde, para o seu uso na xardinaría da cidade. A Concelleria de Medio Ambiente lembra que un abeto medio pode aportar ata cinco quilos de compost.

Para o concelleiro Jorge Pumar, “esta campaña ecolóxica pretende ser un exemplo das medidas de economía circular que desde unha cidade poden ser postas en marcha para a mellora do medio ambiente local. O obxectivo é non dar por perdidas estas árbores que adornaron os nosos fogares nas datas de Nadal e poder darlles unha segunda vida para o beneficio de toda a cidade”.

Ademais, indica o concelleiro Pumar, “a campaña ten un segundo obxectivo, fomentar o uso do punto limpo móbil entre os cidadáns, un servizo que se implementou por primeira vez en Galicia en Ourense, e sen dúbida é un servizo cómodo e útil para a veciñanza ourensá”.

A campaña extraordinaria iniciarase o luns día 10, e rematará o próximo 31 de xaneiro.

Lugares de entrega das arbores por parte dos cidadáns

Os cidadáns poderán entregar as súas árbores tanto no viveiro municipal coma nos puntos de recollida do servizo de punto limpo móbil do Concello de Ourense, que ao longo de toda a semana recorre o conxunto da cidade.

Para maior información ou para consultar os horarios e ruta do punto limpo móbil, pódese consultar a web da empresa concesionaria Ecourenseou no teléfono 900 81 00 81.

O viveiro municipal atende en horario de mañá e ten a súa sede na zona de Santa Mariña a carón do punto limpo municipal.