Responsive image 15-08-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

O Concello de Ourense pon en valor a praia da Antena, lista xa para a tempada estival

16 de xuño de 2022 - 17:34

A Concellería de Medio Ambiente destina preto de 40.000 euros en investimentos para a posta a punto da praia da Antena, que conta coa declaración de “augas excelentes para o baño”, segundo a última revisión da Concellería de Sanidade


Imagen de noticia

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, vén de destinar preto de 40.000 euros para a posta en valor da praia da Antena de cara á tempada estival. As obras centráronse na mellora dos accesos, na remodelación integral da zona verde, na posta a punto do céspede, na instalación de novas sinais de seguridade e información, e na recuperación integral dos baños e duchas deste espazo de lecer.

A praia da Antena, localizada entre a ponte romana e a ponte nova, conta coa declaración de “augas excelentes para o baño”, segundo a última revisión da Concellería de Sanidade.

O concelleiro Jorge Pumar destaca que, con esta intervención, o espazo natural estará perfectamente acondicionado para atender ás necesidades dos bañistas na tempada estival e dá valor a esta zona do río que, recorda o concelleiro, “é a única zona da cidade onde se pode bañar a cidadanía no río Miño”.

Adianta o concelleiro que, nos próximos días, efectuarase unha segunda fase de traballos para a mellora do mobiliario do recinto, intervindo nos bancos, zonas de descanso e nos espazos de zonas verdes para completar a mellora integral desta zona de lecer.

Pumar salienta tamén a planificación dos traballos na Concellería de Medio Ambiente, “xa que antes da chegada do verán meteorolóxico, xa puxemos a punto este recinto que, sumado aos xogos de auga da Alameda do Cruceiro, ofertan un conxunto de espazos de lecer, para o desfrute dos veciños neste verán”.