O Concello de Ourense ampliará unha hora a atención ao público, de 8:30 a 14:30 horas, a partir do 1 de novembro

8 de outubro de 2021 - 14:32

A Mesa de Negociación, presidida polo alcalde, fixou o horario de xornada xeral de 7:30 a 15:30 horas, cunha marxe de flexibilidade de 30 minutos para a entrada e para a saída


...

A Mesa de Negociación do Concello de Ourense, reunida esta mañá no salón de plenos presidida polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, coa presenza das centrais sindicais e dos representantes institucionais, acordou ampliar o horario de atención ao público do Concello de Ourense nunha hora diaria: de luns a venres, de 8:30 a 14:30 horas, a partir do 1 de novembro.

Ademais deste, incorporáronse outra serie de acordos ao anexo de xornada xeral ordinaria. Entre eles, fixouse o horario de xornada xeral -baseado no que emprega a administración xeral do Estado pero adaptado ás particularidades do Concello de Ourense- de 7:30 a 15:30 horas, cunha marxe de flexibilidade de 30 minutos para a entrada e para a saída, e incorporando innovacións caso dunha bolsa de horas do 5% para a atención de menores e de persoas maiores ou a redución da xornada para as persoas sometidas a tratamentos de quimioterapia ou radioterapia

Así mesmo, incorpórase a Xornada de verán non recuperable: entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.

Complétase así unha lagoa do acordo regulador -do ano 2012- que establecía de modo xeral o horario laboral do persoal da administración local. Quedan aínda por fixar os horarios especiais daqueles servizos con xornadas específicas, caso da Policía Local, Bombeiros ou servizos culturais.