O Concello construirá un miradoiro en Boca Ribeira, Trasalba, para poñer en valor as paisaxes que inspiraron a Ramón Otero Pedrayo

15 de outubro de 2021 - 14:04

Desde esta atalaia natural, emprazada sobre o río Miño, poderase contemplar o sur de Ourense, Amoeiro, Toén, o castro de San Cibrán de Las e o monte de San Trocado, o Coto Novelle, etc. | O proxecto, de iniciativa municipal asumindo unha proposta da Fundación Otero Pedrayo, combina a aposta polo turismo e o lecer coa aposta pola cultura


Imagen de noticia

O Concello de Ourense construirá un miradoiro en Boca Ribeira, no lugar de Trasalba -na OU-0522, que une Santa Cruz con Amoeiro-, unha atalaia natural con vistas ao sur de Ourense (Untes, santa Cruz, o río Miño...) e aos concellos lindeiros (Amoeiro, Toén, do outro lado do río Miño, o castro de San Cibrán de Las e o monte de San Trocado, o Coto Novelle...), que foron inspiración e lugar de lecer para don Ramón Otero Pedrayo, xeógrafo, historiador e político, unha das máximas figuras da literatura galega do século XX.

O proxecto do miradoiro, iniciativa municipal a proposta da Fundación Otero Pedrayo, combina a aposta polo turismo e o lecer coa aposta pola cultura, xa que estará emprazado a escasos metros do pazo de Trasalba, na fronteira entre os concellos de Ourense e de Amoeiro. Para Eduardo López Pereira, presidente da Fundación, trátase de engadirlle “un valor cultural e histórico á paisaxe que desde aí se observa”. Pero esta atracción terá tamén un valor literario, xa que foi o propio don Ramón quen acuñou o termo de Boca Ribeira.

Esta nova zona de lecer contará con bancos e mesas para os visitantes, e constituirá “unha aposta cultural e de lecer para a cidade de Ourense”, en palabras do tenente de alcalde, Armando Ojea.

*IMAXE: bosquexo sobre o que traballa o Concello de Ourense para o miradoiro.