O Concello blindará as asignacións económicas aos grupos políticos fronte ao transfuguismo

22 de setembro de 2021 - 13:10

A xunta de goberno aprobará mañá unha proposta, que presentará ante o Pleno do Concello, recollendo un acordo previo dos grupos municipais e as recomendacións da FEMP / O acordo non aumenta a dotación económica para os grupos municipais prevista no orzamento vixente


...

O Concello de Ourense blindará as asignacións económicas aos grupos políticos municipais fronte ao transfuguismo. A xunta de goberno local aprobará mañá unha proposta de modificación das bases de execución dos orzamentos municipais con esta finalidade, recollendo un acordo previo de xunta de portavoces e as recomendacións da FEMP.

O acordo non aumenta a dotación económica para os grupos municipais prevista no orzamento vixente: 700 euros por grupo e 700 por cada membro do grupo. O cambio é que concreta que, para estes efectos, “o número de membros de cada grupo estará determinado polo número de concelleiros electos na candidatura da formación política a través da que foron elixidos. Este número de membros manterase invariable durante todo o mandato, con independencia de que un ou varios concelleiros abandonen o grupo ou non cheguen a integrarse no mesmo”.

Trátase, explica o goberno municipal, “de que os grupos non sexan vulnerables a casos de transfuguismo. Algo no que os grupos están de acordo, e que se levará a pleno para a súa aprobación”.

O acordo recolle tamén o criterio que defende a Federación Española de Municipios e Provincias, quen avoga por que se lexisle de forma que sexa obrigatorio por lei e non requira de acordos en cada concello. “Nós adiantámonos”, explica o goberno municipal.