O Concello abre un expediente de disciplina para a reposición da legalidade urbanística, así como sancionador, en Seixalbo

23 de novembro de 2021 - 14:30

O expediente abriuse contra dous veciños deste núcleo pola execución dunha obra sen a pertinente autorización nun ben patrimonial situado (o Portalón do Recanto dá Requeixada) nun ámbito de especial protección como é Seixalbo / Os infractores non só non tiñan licenza, senón que eran coñecedores de que o ben estaba protexido por Patrimonio.


Imagen de noticia

Esta mañá, en xunta de área de urbanismo, a concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando, informou os grupos políticos do inicio dun expediente de disciplina urbanística para reposición da legalidade urbanística, así como sancionador, por infracción moi grave contra o patrimonio cultural en Seixalbo.

Lembra Sonia Ogando que se falamos de Seixalbo, estamos falando dun núcleo de interese etnográfico, e por tanto, cunha protección especial. O expediente abriuse contra dous veciños deste núcleo pola execución dunha obra sen a pertinente autorización nun ben patrimonial situado (o Portalón do Recanto dá Requeixada) nun ámbito de especial protección como é Seixalbo.

Tras a denuncia realizada por veciños deste núcleo da cidade, a Policía Local levantou atestado e comprobouse que os infractores non só non tiñan licenza, senón que eran coñecedores de que o ben estaba protexido por Patrimonio. Terán que abonar 24.443,14 euros para a reposición da legalidade urbanística, así como unha multa de 60.000 euros por unha infracción urbanística moi grave contra o patrimonio cultural.

Na Xunta de Área desta mañá, a concelleira Sonia Ogando explicou con este exemplo “que desde a Concellería de Urbanismo estaremos sempre moi vixilantes na protección do patrimonio de Ourense, e desde logo faremos caer todo o peso da lei contra as persoas que atenten contra os bens patrimoniais que son parte da historia da nosa cidade”.