O Concello abre o prazo para que as AA VV soliciten proxectos formativo-participativos para o ano 2022

22 de novembro de 2021 - 09:31

A Concellería de Participación Cidadá abriu hoxe o prazo de 15 días para que as asociacións veciñais soliciten estes proxectos / Flora Moure anima a todas as entidades a que cursen as súas solicitudes, “fundamentais para reforzar o movemento veciñal"


Imagen de noticia

O Concello de Ourense abriu o prazo para que as AAVV soliciten proxectos formativo-participativos para o vindeiro ano 2022. Así, a Concellería de Participación Cidadá abriu hoxe mesmo o período para que as asociacións veciñais soliciten estes proxectos (o prazo será de 15 días improrrogables) que se desenvolverán durante o próximo ano.

 

A concelleira de Participación Cidadá, Flora Moure, anima a todas as entidades a que cursen as súas solicitudes, “fundamentais para reforzar o movemento veciñal, sendo ademais iniciativas que contribúen a socializar, dinamizar e enriquecer a vida social dos barrios da nosa cidade”

 

Cada asociación veciñal poderá solicitar un máximo de 3 cursos e a orde de preferencia, que deben contar cun mínimo de 12 alumnos por cada clase, e serán gratuítos para os socios de cada AVV ao corrente de pago das súas cotas.

 

Os cursos ofertados son os seguintes: Pilates, Iogapilates, Zumba, Ximnasia de mantemento, Alfabetización informática e uso do móbil, Encaixe de bolillos, Memoria, Xestión da ansiedade-estrés, Manualidades (para adultos e cativada), Restauración de antigüidades, Arte floral e Iniciación ao canto e pandeireta tradicional.