O alcalde solicítalle á Xunta que aplique as medidas de urxencia contempladas na Lei 3/2016 para construír a residencia da Fundación Amancio Ortega

7 de outubro de 2021 - 13:53

Gonzalo Pérez Jácome argumenta que “é a terceira ocasión en que, por falta da obtención da maioría legalmente necesaria como consecuencia do bloqueo sistemático dos grupos políticos e de concelleiras non adscritas, o pleno municipal non logra aprobar a referida modificación puntual do PXOU"


...

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, solicitoulle por carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que aplique o procedemento contemplado na Lei 3/2016, do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, para a construción da residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega (FAO) no solar da antiga estación de autobuses. Logo de que a proposta de Modificación puntual do PXOU de 1986 para o cambio de uso da parcela da estrada de Vigo 1 B non acadase os 14 votos requiridos para a súa aprobación no Pleno do Concello de Ourense do 6 de outubro , o rexedor solicita do mandatario galego o desbloqueo da situación.

O alcalde argumenta na comunicación que “é a terceira ocasión en que, por falta da obtención da maioría legalmente necesaria como consecuencia do bloqueo sistemático dos grupos políticos e de concelleiras non adscritas, o pleno municipal non logra aprobar a referida modificación puntual do PXOU, coa finalidade última de poder albergar a futura residencia para a terceira idade da FAO, co consecuente prexuízo aos cidadáns de Ourense”.

Desta forma, o Concello de Ourense ínstalle á Xunta de Galicia a que se modifique o convenio asinado pola Consellería de Política Social coa FAO en data 13 de setembro de 2019 coa finalidade de que sexa susceptible aplicar o procedemento contemplado na Lei 3/2016, do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, para poder materializar no menor prazo de tempo posible a construción da citada dotación pública na parcela elixida pola administración autonómica.