Responsive image 27-05-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

O alcalde considera “absolutamente surrealista” que o PSOE cuestione a compra de smart-watches para o Centro de Intelixencia Artificial

29 de setembro de 2021 - 08:20

Jácome desminte as acusacións do grupo socialista: “nin son reloxos de luxo nin son para asesores”, e advirte: ”cre o ladrón que todos son da súa condición”.


Imagen de noticia

O alcalde de Ouense, Gonzalo Pérez Jácome, cualificou esta mañá de “absolutamente surrealistas” as declaracións realizadas polo PSdeG-PSOE nas que acusa o alcalde de “comprar reloxos de luxo ao seus asesores con diñeiro público”. “É falso e demostra a calidade da oposición que está facendo este grupo, que é nefasta. Cre o ladrón que todos son da súa condición”, asegura o rexedor.

A este respecto, explica: “non son reloxos de luxo, senón smart-watches (reloxos intelixentes) duns trescentos euros, que non é o prezo dun reloxo de luxo”. En segundo lugar, “non son para uso particular de ningún asesor, senón para o Centro de Intelixencia Artificial, que será utilizado polos enxeñeiros informáticos para comprobar o funcionamento neste tipo de dispositivos, de uso cada vez máis estendido entre a cidadanía, de diferentes páxinas web e aplicacións do Concello de Ourense que están preparando”.

Neste sentido, advirte: “trátase de comprobar como se visualiza a información e como se navega nas aplicacións municipais nestes reloxos, do mesmo xeito que se fai con ordenadores ou teléfonos móbiles”. E reitera: “non son de uso persoal senón para o centro de intelixencia, e non son para asesores, senón para uso dos enxeñeiros actuais e futuros do Centro de Intelixencia Artificial”.

Por outra banda, o alcalde entende que é necesario para o Concello dispoñer de boas ferramentas tecnolóxicas. É o caso dos teléfonos de alta gama que se adquirirán para diferentes áreas municipais, tamén por parte de funcionarios. “Por suposto que compramos teléfonos de alta gama, porque fan falla -explica-. O Concello necesita dispoñer de alta tecnoloxía e iso non é despilfarrar. Son moito máis rentables os teléfonos de alta gama que os de baixa gama”.