Responsive image 15-08-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

Máis de 150 veciños participan nos cursos de compostaxe que organizan o Concello, Sogama e a Agrupación Miño

25 de abril de 2022 - 14:45

A Concellería de Medio Ambiente continúa co ciclo formativo de xestión de compost para a veciñanza. Nesta ocasión, en Rabo de Galo, Vistahermosa, Souto Sanín ou Reza.


Imagen de noticia

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, continúa co ciclo formativo de xestión de compost para a veciñanza programado para este ano 2022. Nesta ocasión, a oferta formativa realizarase nas zonas de Rabo de Galo, Vistahermosa, Souto Sanín, ou Reza. As actividades desenvólvense en colaboración coa Agrupación Miño e a empresa pública Sogama.

Estas formacións teñen como fin a implantación da xestión de compost entre os veciños da cidade, en especial nos veciños do espazo rural. Con este curso, os cidadáns capacítanse para unha autoxestión adecuada dos seus residuos orgánicos, convertendo un refugallo nun adecuado abono natural para o seu uso en hortas e plantacións.

“Con este tipo de cursos damos a veciñanza as ferramentas adecuadas para que poidan aplicar economía circular nos seus fogares”, afirma o concelleiro Jorge Pumar, quen indica que a Concellería de Medio Ambiente traballa na implantación de este tipo de formación polas súas vantaxes medioambientais. “Dado que a materia orgánica representa en torno o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta fracción se recicla en orixe, evítase o seu depósito no contedor convencional, logrando con elo importantes beneficios: ambientais (redución das emisións de CO2 á atmosfera), económicos (diminución do importe da factura a pagar a Sogama pola xestión e tratamento da bolsa negra) e sociais (recuperación dunha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos refugallos orgánicos para alimento do ganado e elaboración de compós)”, recalca o edil de Medio Ambiente.

Pumar afirma estar satisfeito coa acollida deste programa entre a veciñanza de Ourense, xa que máis de 200 veciños no que vai de ano sumáronse a este programa, co cal máis de 650 cidadáns de Ourense forman parte xa do programa “Composta con nós” liderado desde a empresa pública Sogama.  

Os máis de 150 veciños participantes nas actividades formativas actuais son instruídos nos pormenores do compostaxe doméstico e nos pasos a dar para que a partir dos restos orgánicos, poidan acadar un abono natural de alta calidade que cumpra con todos os requisitos exixidos na lexislación vixente e que, polo tanto, poida ser aplicado na agricultura e xardinaría con garantías. Desta forma, o compost resultante regresa á terra para darlle unha nova vida a plantas e cultivos, constituíndo todo un exemplo de economía circular e sostible.

O concelleiro Jorge Pumar informa que a colaboración entre Sogama e a Concellería de Medio Ambiente que dirixe permitiu a incorporación de máis de 550 veciños ata o momento no programa de compostaxe, e polo tanto foron beneficiarios da súa formación e recibiron o seu correspondente composteiro, con capacidade para 400 litros, composteiros fabricados con material reciclado e reciclable, para o desenvolvemento das súas actividades de reciclaxe nos seus fogares, hortos, xardíns ou fincas de cultivo.

Durante as xornadas formativas, os participantes aprenden o uso do propio composteiro que posteriormente recibirán; os lugares de localización preferente, que debe colocarse no exterior da vivenda nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben (e non deben) depositar no mesmo. Igualmente, aprenden a grande importancia que ten un bo control dos parámetros claves como o osíxeno, a temperatura ou a humidade.

Nas formacións, os veciños e veciñas reciben manuais didácticos de apoio para reforzar coñecementos e dar resposta ás preguntas máis frecuentes. Sogama recorda que todos os interesados dispoñen de información no sitio web  Composta con Sogama

Pumar agradece a colaboración das asociacións veciñais para o despliegue e implantación deste programa clave para a conversión de Ourense nunha cidade sostible. Fai extensible o seu agradecemento a todos os veciños que participan  de forma activa neste programa ambiental posto en marcha pola Concellería de Medio Ambiente que el dirixe.