Responsive image 15-08-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

O Concello implícase coas festas da Ponte, achegando unha orquestra, pasarrúas e fogos artificiais

19 de maio de 2022 - 14:44

O alcalde confirmoullo a veciños do barrio, preocupados por que as celebracións non se puidesen levar a cabo por non haber unha comisión organizadora


Imagen de noticia

O Concello de Ourense implicarase coas festas da Ponte, achegando actividades para garantir a súa celebración. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tras recibir a unha representación da veciñanza do barrio que lle trasladou a súa preocupación por que as festas da Ponte non se chegasen a celebrar este 2022 por vacío de xestión, tras coñecer que a comisión que anteriormente organizaba as festas non poderá realizar ese traballo para 2022. Os veciños están dispostos a retomar as organización das festas da Ponte para o próximo ano 2023, pero non para este verán, e por este motivo solicitaban a colaboración do Concello.

O alcalde garantiulles que o Concello se implicará nestas festas, unha das celebracións máis importantes de cantas se desenvolven ao longo do ano na cidade, e referencia do barrio pontino. Por este motivo, o Concello facilitará un espectáculo musical de primeiro nivel, que será a actuación dunha das orquestras top da península ibérica, a portuguesa Função Públika, que ofrecerá un concerto día 24 de xullo no marco das celebración. O día 25 o Concello achegará tamén a realización de pasarrúas e un espectáculo de fogos artificiais.

O alcalde garante así o mantemento das festas da Ponte, e recolle o espírito de compromiso con esta festividade, que se establecía no acordo histórico da fusión dos Concellos de Canedo e Ourense, o 30 de novembro de 1943.

Esta acción enmárcase no apoio decidido que o goberno municipal lle quere dar ás festas dos barrios da cidade que, malia ser de iniciativa privada, contan co apoio do Concello.