Cambio de uso da parcela da antiga estación de autobuses

27 de agosto de 2021 - 12:47

Con esta modificación, as partes da parcela que estaban cualificadas co uso de sistema xeral de transportes e comunicación pasarán a ter os usos de sistema xeral de equipamento asistencial, xa que se construirá unha residencia para persoas maiores


Imagen de noticia

A comisión de pleno do Concello de Ourense ditaminou favorablemente na súa xuntanza desta mañá a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana para cambiar de uso a parcela situada na estrada de Vigo 1B, na que se atopaba a antiga estación de autobuses de Ourense.

Con esta modificación, as partes da parcela que estaban cualificadas co uso de sistema xeral de transportes e comunicación pasarán a ter os usos de sistema xeral de equipamento asistencial, xa que se construirá unha residencia para persoas maiores, sistema local de equipamento deportivo e sistema local de zonas de esparexemento e parques. O cambio de uso realízase a pedimento da Xunta de Galicia – Consellería de Política Social.

A proposta de acordo presentada pola Concellería de Urbanismo foi ditaminada favorablemente cos votos a favor dos grupos de Democracia Ourensá, Partido Popular, Ciudadanos e a concelleira non adscrita, e as abstencións de PSdeG-PSOE e BNG. O acordo será presentado pola concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando, ante o pleno ordinario do Concello de Ourense do vindeiro venres, día 3 de setembro, para a súa aprobación.