Responsive image 10-08-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

Alcaldía asume a dirección das obras e xestións para axilizar a apertura das áreas termais

10 de decembro de 2021 - 11:16

O alcalde toma esta decisión logo de que desde Termalismo non se cumprise a orde que deu para que abrisen o día 1 de decembro / As Termas do Muíño pasarán a depender de Medio Ambiente


Imagen de noticia

A Alcaldía de Ourense, desde a Concellería de Infraestruturas, faise cargo da dirección das obras de adaptación das áreas termais da cidade, así como dos trámites necesarios para a súa próxima apertura. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, toma esta decisión coa finalidade de axilizar o máximo a posta en servizo destes espazos, logo de constatar que desde Termalismo non se cumpriu a orde que o rexedor ditara o día 14 de outubro para que as áreas termais estivesen abertas ao público desde o día 1 de decembro.

Ante esta situación, o alcalde asume a dirección e supervisión dos traballos, contando co enxeñeiro de camiños que forma parte do persoal eventual de Alcaldía. Tamén lle abrirá un expediente informativo á técnica da Concellería de Termalismo por non cumprir a instrución que lle deu a concelleira de Termalismo para realizar un contrato menor que era necesario.

Pérez Jácome visitou co equipo de Alcaldía as instalacións de Outariz e O Muiño da Veiga para analizar sobre o terreo a situación actual. No caso de Outariz, os traballos de adaptación das termas xa están contratados e en marcha, e a empresa adxudicataria confirmoulle que as obras estarán rematadas nas próximas semanas.

No caso das Termas do Muíño, estas atópanse anegadas a causa da crecida do río, polo que os traballos iniciaranse tan pronto como a baixada de caudal o permita. Unha situación que, lembra o goberno municipal, é moi frecuente e fai que na práctica esta zona só estea á disposición dos usuarios en torno a 8 meses ao ano.

Unha vez rematadas as obras, o espazo do Muiño pasará a depender de Medio Ambiente e desligarase de Termalismo polas peculiaridades desta zona que, aínda que conta con surxencias, non está catalogada como unha área termal.

Finalmente, no caso do espazo termal das Burgas, para a súa reapertura será preciso primeiro contratar unha empresa que realice os traballos de adaptación que, en calqueira caso, non deberían dilatarse máis dunhas semanas.

Axilizar os prazos e controlar a súa correcta execución é o obxectivo que se marca a Alcaldía que, en calquera caso, lembra que seguen á disposición da veciñanza as Termas de Outariz, que permanecen abertas todos os días da semana, agás os martes, cun prezo de 5,70 euros por persoa.