Responsive image 02-07-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

A xunta de goberno deu conta de 43 asuntos achegados polas diferentes áreas e servizos municipais

28 de outubro de 2021 - 11:01

A xunta de goberno local do Concello de Ourense, na sesión celebrada esta mañá, deu conta dun total de 43 asuntos achegados polos diferentes servizos municipais en materia de Licenzas, Aperturas, Patrimonio, Rehabilitación, Contratación, Infraestruturas, Cultura, Educación e Avogacía Consistorial


Imagen de noticia

A xunta de goberno, na sesión celebrada esta mañá, deu conta de 43 asuntos máis achegados polas diferentes áreas e servizos municipais.

Avogacía Consistorial (11). Oito comparecencias e tres sentenzas.

Sentenzas: A primeira, do Contencioso Administrativo, desestima o recurso interposto pola xunta de compensación do polígono da zona 4 do SU25 de Ourense -Cruz Alta- contra un acordo de xunta de goberno que acordaba a concesión de dominio público, en réxime de adxudicación directa mediante o pagamento dun canon, de determinados espazos libres públicos para a construción de prazas de estacionamento. A xunta de compensación recorreu o pago do canon, pero o xulgado dálle a razón ao Concello.

Outra, en materia laboral, estima o recurso dun traballador municipal ao que se lle denegara un día de permiso ao entender que para el é un deber inescusable o de asistir á Xunta do Colexio de Aparelladores e Arquitectos Técnicos.

A última estima parcialmente o recurso dunha mercantil que reclamaba pagos atrasados pola prestación do Servizo de Axuda a Domicilio. A sentenza obriga o Concello a pagar os xuros transcorridos 60 días da presentación da factura no rexistro e o IVE das facturas que se foron ingresando na Facenda pública.

Comparecencias: O Concello deberá presentarse en sede xudicial, en calidade de demandado, nos procedementos interpostos por sete particulares contra o órgano de xestión tributaria polo imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana, e cuxos recursos ascenden a 61,800,44 euros. Ademais, deberá presentarse no procedementos interposto por un ex traballador que reclama a súa pensión compensatoria por xubilación.

Licenzas (1). Concédese licenza para a instalación dun ascensor nun edificio da rúa Francisco Lloréns para a mellora das condicións de accesibilidade.

Aperturas (2). Concédense licenzas, tamén, para a reforma e acondicionamento dun almacén dedicado á distribución de produtos de construción, na N-120; e para o proxecto de adaptación dun local para bar-restaurante na praza de Santa Eufemia.

Patrimonio (20). O Concello reclamaralles sumas económicas a diferentes particulares en concepto de responsabilidade patrimonial polos danos causados en elementos de mobiliario urbano, tales como sinais verticais (nas rúas Río Sil -93,43 euros-, Cruceiro Quebrado -123,43 euros-, dous na rúa Remedios -163,43 e 93,43 euros-, Vicente Risco -69,03 euros-, Avenida de Zamora -128,81 euros-, e Progreso -75,93 euros-), farois de iluminación (na N525 -1.215,26 euros-, Doutor Marañón -837,71 euros-, praza de Eduardo Barreiros -4.122,28 euros-, Vasco da Ponte -1.440,93 euros-), ou unha árbore, na rúa Río Támega (707 euros).

Igualmente, reclamaralle a VIAQUA 355,82 euros correspondentes á indemnización pagada polo Concello previamente a un particular polos danos causados no seu vehículo como consecuencia do mal estado dunha tapa dun sumidoiro.

Por outra banda, o Concello considerou desistidos das súas reclamacións de responsabilidade patrimonial a varios particulares que reclaman cantidades económicas por caídas na rúa (na avenida da Universidade, na rúa do Paseo, na do Progreso, no cemiterio de San Francisco) ou por danos nos seus vehículos polo mal estado da estrada, ao non concorrer os requisitos legais esixibles ou non ser a administración competente para facelo. Tamén declarou desistida unha particular da súa reclamación por filtracións de auga e arquivou o expediente.

Por último, deuse conta dunha rectificación de erros nun acordo de xunta de goberno de agosto de 2021.

Servizo de Rehabilitación, VPP e Peris (4). Concedéronse axudas para a rehabilitación de vivendas en dúas zonas da cidade: 16.006,23 euros para unha vivenda en Alejandro Outeiriño e 22.668,20 euros para outra na rúa Hernán Cortés, dentro da ARRU Casco Histórico 16ª fase, por unha banda. Pola outra, 29.361,85 euros para un edificio da rúa Heroes do exército e 16.979,67 euros para a rehabilitación dun edificio na rúa Benito Fernández, dentro da ARRU Polvorín – Camelias – Carballeira 5ª fase. En total, 85.015 euros para a mellora das condicións de vida da cidadanía de Ourense.

Contratación (2). Aprobouse o expediente para contratar o proxecto de control de caudais do Concello de Ourense, coa correspondente aprobación do prego de condicións económico administrativas, por un importe base de licitación de 283.609,91 euros. Ademais, deuse conta dunha rectificación na redacción do prego de prescricións técnicas para a contratación da subministración e instalación de xogos infantís, que volverá publicarse na Plataforma de Contratación do Sector Público e as empresas terán 30 días naturais a maiores para retirar as súas propostas ou mantelas nos termos orixinais.

Infraestruturas (1). Declárase que a empresa concesionaria do servizo de auga en Ourense, VIAQUA, debe compensar o Concello por mor dos importes percibidos para a amortización dos investimentos ofertados dende a finalización do contrato -do 01/03/2018 até o 31/10/2020-, por un importe mínimo e provisional de 669,126,72 euros, que se incrementarán a razón de 20,910,21 euros mensuais mentres dure a explotación en precario. Este importe poderá ser incrementado en función do que resulte do expediente de interpretación do contrato que se tramite, e ten polo tanto carácter provisional: a Asesoría Xurídica determinará se o importe polo que procede compensar mensualmente o Concello é de 20.910,21euros, sinalados pola concesionaria, ou os 33.123,98 euros que sinala o Xefe do Órgano de xestión económica e orzamentaria.

Así mesmo, apróbanse as memorias valoradas presentadas por VIAQUA para diferentes proxectos, que alcanzan un importe global de 106.331,25 euros (IVE engadido), ordenando a súa execución baixo a supervisión do servizo de Infraestruturas.

  • Rehabilitación con manga de colector de saneamento da rúa Alejandro Pedrosa: 12.475,63 euros

  • Rehabilitación do saneamento na rúa Coruña: 11.057,42 euros

  • Rehabilitación do saneamento na rúa Celso Emilio Ferreiro: 50.686,29 euros

  • Recrecemento de pozos e tapas asfaltadas en varias rúas: 8.980,31 euros

  • Melloras na rede de saneamento na praza do Vilar: 23.131,60 euros

Cultura (1). Aprobouse a adhesión do Concello de Ourense, como titular do Auditorio municipal, ao “Programa bono cultural” da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

Educación (1). Validáronse facturas por importe de 21.205,22 euros expedidas pola empresa encargada do servizo de limpeza e desinfección de centros educativos do Concello de Ourense en quenda de mañá (lote II).