A xunta de goberno dálle o visto bo á proposta do CMD para destinar 253.000 euros a subvencións deportivas

23 de setembro de 2021 - 11:02

Este expediente de modificación dos orzamentos do Consello Municipal de Deportes utiliza a figura de créditos extraordinarios e de suplemento de crédito, e que deberá ser ratificado polo pleno do Concello / Retirouse da orde do día a proposta sobre dotacións económicas para os grupos municipais até completar toda a documentación necesaria para a tramitación do expediente. / A xunta de goberno aprobou 16 asuntos na reunión celebrada esta mañá


...

A xunta de goberno local, celebrada esta mañá, deulle o visto bo a unha proposta do Consello Municipal de Deportes para destinar 253.000 euros ao apoio de eventos e actividades deportivas mediante a aprobación dun expediente de modificación dos orzamentos utilizando a figura dos créditos extraordinarios e de suplemento de crédito. Así, 203.000 euros irán destinados ás subvencións do Club Ourense Baloncesto 2020/21 -150.000 euros-, o Rally de Ourense 2021 -35.000 euros- e a Federación Galega de Hóckey -18.000 euros-, e serán financiados do remanente de Tesourería para gastos xerais.

A xunta de goberno local aprobou, igualmente, un suplemento de crédito de 50.000 euros para subvencións a entidades deportivas, financiado igualmente polo remanente de Tesourería para gastos xerais. Este acordo elevarase ao pleno da corporación para a súa aprobación provisional.

Ademais deste asunto, da área de Facenda, a xunta de goberno local do Concello de Ourense deu conta, na sesión ordinaria celebrada esta mañá, doutros 15 asuntos achegados por diferentes áreas e servizos municipais. Retirouse da orde do día o acordo de dotacións económicas para os grupos municipais até completar toda a documentación necesaria para a tramitación deste expediente.

Avogacía Consistorial (10). Cinco comparecencias, catro sentenzas e un auto. Este último finaliza e arquiva un proceso de reclamación contra o órgano tributario municipal, dando como desistido o demandante.

En canto ás sentenzas, a primeira delas condena un particular como autor dun delito de roubo con forza no punto limpo de Santa Mariña, concorrendo o agravante de reincidencia. Impónselle unha pena de dous anos de prisión e inhabilitación para o sufraxio, así como unha multa de 306,10 euros máis xuros.

Ademais desta, o Contencioso Administrativo desestima a solicitude dunha mercantil que lle demandaba ao Concello adoptar medidas correctoras para compensar os presuntos desequilibrios económicos no contrato. Do mesmo xeito, a xunta de goberno deu conta doutras dúas sentenzas que desestiman senllos recursos dunha mercantil que solicita o pago de xuros polo atraso no abono de diversas facturas.

Por outra banda, o Concello deberá presentarse, en calidade de demandado, en cinco procedementos xudiciais. Tres deles foron interpostos por particulares contra as liquidacións do imposto sobre o incremento de valor de terreos de natureza urbana. Os outros dous, contra a desestimación do recurso contra a creación dunha lista de traballadoras sociais funcionarias interinas; e contra a imposición dunha sanción de 200 euros por unha infracción grave: estacionar en zona peonil de acceso restrinxido.

Aperturas (2). Concedéronse licenzas para a prórroga das obras de adaptación dun local para un salón de peiteado, e para a execución dun almacén nun local destinado á venda de equipamento deportivo.

Xestión urbanística (1). Desestimouse a solicitude dun particular para cambiar de titularidade e dividir en dúas fases o proxecto de urbanización da Zona 2 do SU-24 -a rúa do Piorno, na Cruz Alta-. A urbanización desa parcela deberá facerse de forma íntegra.

Patrimonio (1). Desestímase a reclamación de responsabilidade patrimonial dunha particular polos danos e lesións provocados por unha caída na rúa Vía Vella, xa que non concorren os requisitos esixibles.

Servizos Xerais (1). Apróbase un gasto de 2.787,7 euros para o pago de cinco mensualidades de contrato de alugueiro (febreiro a xullo de 2021) dun edificio municipal destinado aos sindicatos.