Responsive image 02-07-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

A Concellería de Urbanismo apela ao cumprimento das normas covid no sector da hostalaría

23 de decembro de 2021 - 19:11

Sonia Ogando contactou coas asociacións do sector na cidade para lembrarlles a necesidade de cumprir coa normativa ditada pola Consellería de Sanidade


Imagen de noticia

Ante a evolución da pandemia da covid-19, no inicio das festas do Nadal, que tradicionalmente se caracterizan por un alto nivel de actividade do sector da hostalaría, a concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando contactou no día de hoxe coas asociacións do sector na cidade para lembrarlles a necesidade de cumprir coa normativa sanitaria, ditada pola Consellería de Sanidade, recordando que esta normativa prevalece sobre os horarios de apertura establecidos polos concellos.

A concelleira é consciente do bo facer do sector e sabe da súa implicación fronte á pandemia. En todo caso, explica Sonia Ogando, “desde o Concello de Ourense estamos moi preocupados pola situación sanitaria actual e a nosa prioridade é protexer aos ourensáns, polo que rogo que se cumpran estritamente todas as normas establecidas polo protocolo Covid nestas festas”.

Neste senso, lembra que os horarios establecidos pola Conselleria de Sanidade, que son de obrigado cumprimento, establecen as seguintes restricións actualmente para todos os concellos de Galicia :

  • O horario límite de peche ao público será ás 4,00 h para establecementos que teñan título habilitante de pubs e cafés espectáculos, salvo as noites que van do venres ao sábado e do sábado ao domingo que o horario límite será as 4,30 h

  • O horario límite de peche ao público será ás 5,00 h para os establecementos que teñan título habilitante de sala de festas ou discotecas.

  • Estas limitacións horarias por razóns sanitarias son de obrigado cumprimento e non poden ser modificadas polos concellos.

Todo iso, sen prexuízo de posteriores modificacións que se establezan pola Conselleria de Sanidade .

A concelleira de Urbanismo apela a que todos os locais de hostalaría cumpran con estas medidas e lembra que a súa atención é importante para evitar futuros expedientes disciplinarios e sancións por incumprimento de horarios de peche .