A comisión de pleno dálle o visto bo ao convenio do Concello co Sergas para construír un novo edificio de hospitalización e reformar o hospital infantil

26 de novembro de 2021 - 16:09

Será presentado a aprobación polo pleno do Concello na súa sesión ordinaria do mes de decembro


Imagen de noticia

A comisión de pleno do Concello de Ourense ditaminou favorablemente na súa xuntanza desta mañá 3 asuntos que serán presentados a aprobación por parte do pleno do Concello na súa sesión ordinaria do mes de decembro.

  • Convenio entre a Confederación Hidrográfica do Miño – Sil e o Concello de Ourense para o financiamento, execución e entrega das obras do proxecto de mellora do saneamento en Velle 2021– 2022. Tamén se autoriza e dispón o gasto, en 3 anualidades, por un importe total de 1.487.130,5 euros, e se faculta o alcalde para asinar o convenio.

  • Recoñecemento extraxudicial de créditos 1/2021, que recolle unha relación de facturas por importe de 16.504,76 euros correspondentes a gastos realizados en exercicios anteriores que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación nos respectivos exercicios.

  • Convenio entre o Servizo Galego de Saúde e o Concello de Ourense para o financiamento da execución das obras da fase 1 da reprogramación funcional do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. O proxecto, que executará o Sergas, prevé a construción dun novo edificio de hospitalización e ambulatorio e a reforma do materno infantil. O Concello colaborará na execución deste proxecto cunha achega económica de 5.228.560,78 euros.