O Concello debaterá a rebaixa do imposto de circulación nun pleno extraordinario o vindeiro xoves 29 de xullo

17 de Julio de 2021 - 11:47

A xunta de voceiros, celebrada esta mañá, decidiu fixar o pleno ordinario do mes de agosto para o martes, 3 de agosto, no Auditorio Municipal. Os concelleiros non adscritos poderán presentar unha única moción en cada pleno; dentro deles, cada un terá un minuto de intervención indelegable en cada moción, a escoller na primeira ou segunda quenda de palabra


Os voceiros dos partidos políticos representados no Concello de Ourense celebraron esta mañá, no salón de plenos, unha xuntanza para fixar o calendario das vindeiras sesións plenarias e para debater o réxime de participación dos concelleiros non adscritos a partir de agora. Así, haberá un pleno extraordinario para debater a rebaixa do 40% do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), o xoves, 29 de xullo, no Auditorio Municipal. O pleno ordinario correspondente ao mes de agosto será, no mesmo escenario, o martes 3.

Na mesma reunión decidiuse, apoiados nun informe técnico do asesor xurídico, iniciar o expediente para que os grupos políticos non sufran perdas na súa asignación económica malia sufrir a baixa de concelleiros que pasan a formar parte do grupo dos non adscritos. Esta medida, que se achega ao recomendado no seu día pola Federación española de Municipios e Provincias (FEMP), deberá ser aprobada polo pleno.

Réxime de participación. Outro dos acordos aos que chegaron esta mañá os voceiros dos grupos políticos municipais foi o de establecer o réxime de participación dos cinco concelleiros non adscritos a ningún partido político, que deberán deixar de actuar coma un grupo.

Nos plenos, cada un deles terá un minuto para intervir nas mocións, a elixir entre a primeira ou a segunda quenda de intervención, e de forma indelegable. Ademais, entre todos os non adscritos poderán presentar unha soa moción por pleno. É dicir, cada concelleiro non adscrito poderá presentar unha moción cada cinco plenos.

Esta representatividade rotatoria será a mesma nas distintas comisións municipais: a de Pleno, a de Contas e de Suxestións.

Documentación sobre o IVTM. Noutra orde de cousas, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou que mañá, martes, se lles enviará aos distintos grupos municipais os datos informativos sobre o IVTM. Na súa opinión, “poderase ver que certas argumentacións de PSOE e BNG no pleno pasado non teñen moito fundamento: é a clase media a que asume o pago deste tributo na súa maior parte”.