Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
Comezan as obras as obras de limpeza e restauración de As Burgas, concretamente das Burgas de Abaixo. Esta actuación xorde logo de que o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaran o convenio de colaboración polo cal se realizaran os traballos.

Así, a Xunta asumirá o custe dos traballos (13.068 euros), así como o do proxecto (2.649,90 euros). Esta tarde visitaron as obras o alcalde e a delegada terrorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, para constatar o inicio das mesmas, que están sendo executadas pola empresa Orega SL.

Estes traballos de mellora no símbolo de Ourense súmanse aos xa efectuados pola Xunta de Galicia na Ponte Romana (onde se continuará coa segunda fase do proxecto de adecuación e mellora) e na Catedral de Ourense. Actuacións ambas que superan os 3 millóns de euros no seu conxunto. “Damos así un paso máis na conservación e preservación do patrimonio histórico e cultural da nosa cidade”, sinala o alcalde, Jesús Vázquez

Precisamente, o convenio polo que se están a executar os traballos xurdiu como froito da petición formulada polo alcalde, Jesús Vázquez, á Xunta de Galicia, toda vez que as fontes das Burgas de Abaixo precisan de traballos de limpeza e restauración, debido ao paso do tempo e ao desgaste da propia pedra pola auga. “As Burgas son o gran emblema de Ourense, polo que é de agradecer a cooperación amosada polo Goberno Galego para contribuir a preservar este ben patrimonial”, sinala o alcalde ourensán.

Estes traballos de mellora no símbolo de Ourense súmanse aos xa efectuados pola Xunta de Galicia na Ponte Romana (onde se continuará coa segunda fase do proxecto de adecuación e mellora) e na Catedral de Ourense. Actuacións ambas que superan os 3 millóns de euros no seu conxunto. “Damos así un paso máis na conservación e preservación do patrimonio histórico e cultural da nosa cidade”, conclúe o alcalde, Jesús Vázquez.

Datos técnicos dos traballos

A fonte “A Burga de Abaixo”, foi construída polo mestre Trillo a mediados do século XIX segundo os canons neoclásicos de moda na época. Os mananciais foron declarados Conxunto Histórico-Artístico no ano 1975, e Sitio Histórico polo Decreto 17/2007 do 8 de febreiro de 2007.

Esta fonte está formada por unha estrutura arquitectónica con tres corpos; o central, cun nicho que acolle un chafariz dentro dun cáliz dunha flor de pedra con cinco pétaos e os laterais, un caño de auga en cada lado. O seu estado de conservación actual é malo debido á degradación do material construtivo, a suciedade e a pátina biolóxica en sitios puntuais, por mor de accións biolóxicas, ambientais e construtivas.

Esta deterioración tradúcese na aparición de costras negras nas zonas próximas aos caños, desprazamento e arenización nos caños, colonización de fungos, líquenes, algas e plantas superiores, así como perdas matéricas e de argamasas en sitios puntuais. Tamén se observa a presenza de cementos e sales de anteriores intervencións, manchas de óxido no cobre, e mesmo grafitis nas placas de bronce.

A proposta de restauración proxectada inclúe unha serie de intervencións sobre a fonte; primeiramente, realizarase unha limpeza da pedra que será máis ou menos intensiva segundo o estado da superficie para limpar, co obxecto de eliminar as suciedades ou biodeterioracións puntuais que afectan á pedra. Estes traballos realizaranse integramente a man, utilizando cepillos con cerdas naturais, paus de madeira, hisopos e mesmo cepillos de dentes segundo o espazo para intervir.

Nos lugares que exista maior pátina biolóxica, aplicarase unha disolución moi baixa de fungicida ( cloruro de benzalconio con tensioactivo) ao 5% en auga destilada. Nas zonas con costra negra, aplicaranse papetas de AB57, controlando o tempo de aplicación. Para tratar a adhesión de placas, utilizarase unha resina acrílica nos ocos, que evite que o material fracture e rompa. Esta resina aplicarase con xiringa ou pincel, segundo a zona, e nunha proporción con disolvente apropiada para conseguir a penetración e densidade necesaria en cada caso. Co fin de unificar o encintado do conxunto, eliminarase todo o existente, e realizarase un encintado novo con cal hidráulico natural con árido de silicio e con adición de pigmento en caso necesario.

Outra das intervencións, consistirá na eliminación das manchas verde- azuladas na pedra producidas pola escorrentía de auga desde os caños de bronce, para o que se utilizarán papetas impregnadas de Edta en auga ao 25%, que posteriormente se cepillarán con auga. Para repoñer as perdas matéricas, utilizarase morteiro de cal hidrálulica cun acabado simulando a pedra da Burga, segundo a zona para reconstruír. Co obxecto de eliminar os grafitis nas placas de bronce, realizarase unha limpeza con acetona ou disolventes, previa realización de probas para non danar a pátina do metal. Finalmente, para tratar o bronce da fonte, limparase cun disolvente e aplicarase unha resina sintética tipo Paraloid B44 disolto en tolueno ao 25%, incorporando BTA como inhibidor, e aplicado con brocha para optimizar a penetración no metal.

Mentres duren as obras (ata mediados de decembro), non estará permitido o acceso ás fontes da Burga de Abaixo, como medida de cautela e por mor dos traballos e dos productos que se utilizarán.

Polo tanto, o Concello pide disculpas polas molestias ocasionadas e lembran que o acceso sí estará habilitado na Burga de Arriba.