Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
A Xunta de Galicia vén de emitir o Informe de Impacto Ambiental da nova Estación Intermodal de Ourense. O Diario Oficial de Galicia publicou o 23 de outubro a resolución pola que se formula o informe relativo a este proxecto e no que se conclúe que non será necesario sometelo a avaliación de impacto ambiental ordinaria, dado que non é previsible que xere efectos significativos sobre o medio ambiente.

“Estamos ante un novo paso fundamental para este importantísimo proxecto, ratificándose o firme compromiso da Xunta de Galicia coas obras, cuxo inicio está previsto para o vindeiro ano e para as que se destina unha partida de 2,7 millóns de euros”, sinala o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Na resolución tamén se indican unha serie de medidas e condicionantes ambientais, que en relación co medio hídrico, se centran na elaboración dunha cartografía describindo a rede de drenaxe proxectada e os sistemas de control e depuración previstos; en ningún caso os aceites, combustibles e cementos se verterán directamente ao terreo ou aos cursos de auga. Tamén será necesario dispoñer de gabias perimetrais debidamente dimensionadas que conduzan as augas interceptadas ata ás correspondentes instalacións de depuración e deberase garantir a existencia de recursos hídricos suficientes para satisfacer a previsión de novas demandas xeradas polo proxecto.

En relación cos residuos, queda prohibida a queima de restos ou calquera outro material durante as fases de construción; e serán xestionados conforme á lexislación vixente de aplicación, primando a reciclaxe e reemprego fronte á eliminación de vertedoiro.

No referente á atmosfera, estableceranse as medidas necesarias para que os niveis de presión sonora cumpran coa lexislación vixente e as ordenanzas municipais. Por último, en relación coa enerxía, na resolución que publica hoxe o DOG indícase que se promoverá a instalación de sistemas de enerxías renovables para o abastecemento do alumeado público e a sinalización, como luminarias led, bombas de calor... e a dimensión do alumeado asegurará un nivel de iluminación axeitado en base ás necesidades de cada zona, tento en conta as actividades que se desenvolvan (zonas de tráfico rodado, parques, zonas peonís...) evitando excesivos niveis lumínicos e a emisión de luz directa cara o ceo.