Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do alcalde, Jesús Vázquez e da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, presentou o proxecto de mellora da seguridade viaria da rúa Otero Pedrayo, cuxas obras se licitarán nas vindeiras semanas para inicialas no primeiro trimestre do próximo ano e rematalos a principios de 2019.


Os traballos que se van levar a cabo consistirán na remodelación da Avenida Otero Pedrayo nos dous primeiros quilómetros de cara a reducir riscos e lograr unha mellor integración urbana. O proxecto terá un presuposto de 2,2 millóns de euros. En breve se procederá a súa licitación coa intención de que as obras comecen o primeiro trimestre de ano.


Actuarase nalgunhas das interseccións existentes, coa execución de dúas glorietas: a primeira delas, no acceso ao Campus Norte e á parroquia da Asunción; e a segunda no acceso cara ao barrio da Rabaza, co obxectivo de separar o tráfico que se dirixe cara esta parte da cidade, do que discorre pola vía de servizo que dá acceso aos comercios e garaxes da zona.


Tamén se mellorará a travesía, coa dotación e reparación de beirarrúas e a posta a punto das actuais vías de servizo.
Ademais, renovarase a rede de abastecemento, a drenaxe e o saneamento, así como a iluminación, coa instalación de luminarias led, de menor consumo enerxético.


Acometeranse actuacións complementarias, como a mellora do firme, a reordenación de aparcadoiros ou a instalación de semáforos con pulsador para favorecer o paso dos peóns.


O alcalde Jesús Vázquez resaltou que este proxecto “vai mellorar a mobilidade urbana e poñer en valor unha arteria fundamental do viario ourensán”, eixo vertebrador do barrio de As Lagoas na zona do campus universitario e entrada na cidade para moitos traballadores dos polígonos industriais aledaños á cidade.


“Ademais, este proxecto non só vai dar resposta a cuestións de mobilidade e seguridade, senón que tamén vai garantir a mellora das instalacións e servizos exsistentes das redes de abastecemento, drenaxe, saneamento e iluminación pública”, sinalou o rexidor.


Vázquez Mourelle explicou que este proxecto ambicioso, no que o Goberno galego inviste arredor de 2,2 millóns de euros, ten como obxectivo dar resposta ás necesidades dos veciños da zona e dos alumnos do campus, atendendo, na medida do posible, as solicitudes do Concello e do Vicereitorado da Universidade.