Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
Foster+Partners presentou o 16 de xuño  en Ourense o proxecto para o desenvolvemento da nova estación ferroviaria de Ourense, financiada por Adif Alta Velocidade e integrada dentro dunha estratexia global urbana nun espazo intermodal onde se situará tamén a estación de autobuses. Esta última está financiada pola Xunta de Galicia e foi deseñada por Proyfe.

No acto de presentación técnica, á que acudiron o alcalde, Jesús Vázquez; o presidente de Adif, Juan Bravo Rivera; o presidente da Deputación, Manuel Baltar; a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; os membros da Comisión de Seguimento da chegada do AVE no Concello de Ourense; e representantes de asociacións, colectivos e entidades sociais, veciñais, empresariais e profesionais da cidade.

As intervencións correron a cargo do propio Pablo Uranga (autor do proxecto de Foster & Partners); Tomás Mañas (autor do proxecto ferroviario de INECO); Juan José Lamas, subdirector de proxectos de ADIF; Lorena Pardinas, arquitecto do equipo consultor contratado pola Xunta; e Ricardo Babío Arcay, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, quen moderou o acto de presentación do proxecto técnico.

O autor do proxecto, Pablo Uranga, recalcou que a filosofía do proxecto de Norman Foster é que a cidadanía volva a conectar emocionalmente coa súa estación, devolvéndolle espazo público á cidadanía e poñendo en valor o edificio preexistente mediante unha linguaxe arquitectónica sencilla, clara, atemporal e elegante

O proxecto no seu conxunto, no que tamén participaron o estudo ourensán de Juan Carlos Cabanelas e a enxeñería pública Ineco, mellora especialmente a permeabilidade da cidade mediante conexións peonís e rodadas e unha nova praza como espazo público de reunión, así como un edificio máis amplo para viaxeiros.

A adecuación e adaptación da estación ás novas necesidades de servizo responde o Convenio Marco de Colaboración subscrito o pasado 22 de xuño de 2016 entre Adif Alta Velocidade, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense para o desenvolvemento dun futuro conxunto intermodal na cidade e a súa contorna urbana, que estipula que Adif Alta Velocidade executará e financiará as obras de adaptación da estación de ferrocarril aos servizos de alta velocidade cun total de 140 millóns de euros (IVE incluído). O proxecto complétase cos 10 millóns (IVE incluído) que a Xunta investirá no desenvolvemento da estación de autobuses e o aparcadoiro subterráneo.

Descrición das principais actuacións

Entre as actuacións para a adaptación da estación de Ourense aos novos servizos de alta velocidade figuran as seguintes:

  • Adaptación e ampliación do edificio de viaxeiros existente mediante un novo vestíbulo capaz de aloxar zonas de espera, comerciais e aquelas asociadas aos novos fluxos de viaxeiros, en óptimas condicións de confort e seguridade, permitindo a intermodalidad coa nova estación de autobuses.
  • Construción de dúas novas plataformas e catro vías en ancho estándar para os novos servizos de alta velocidade, mantendo a praia de vías de ancho ibérico na súa localización actual. Coa nova configuración de vías conséguese a segregación dos tráficos, permitindo un mellor control e xestión dos mesmos. Isto facilita así mesmo a execución das obras por fases, mantendo en funcionamento a estación actual.
  • Construción dunha nova pasarela elevada sobre vías en substitución do paso inferior existente. Esta pasarela contará con núcleos de comunicación vertical (fixas e ascensores) cumprindo con todos os requisitos en materia de accesibilidade.
  • Execución dun novo aparcadoiro subterráneo baixo a praza da estación con capacidade para 300 prazas aproximadamente.
  • Reordenación da praza da estación sobre o novo aparcadoiro subterráneo, incluíndo bolsa de taxis, zonas de parada momentánea (Kiss&ride), aparcadoiro de motos e bicicletas, etc.

Desta forma defínese unha nova praza peonil cuberta na fronte da estación actual, que funciona como nodo intermodal e gran espazo público representativo, que conecta a estación de ferrocarril, a nova estación de autobuses, o novo aparcadoiro subterráneo e a nova pasarela peonil urbana entre os barrios de O Vinteún e A Ponte.

Os problemas de permeabilidade solucionaranse mediante a execución da pasarela peonil xa mencionada, un novo viario e unha laxa sobre vías, que se integrará coa trama urbana creando novos espazos públicos e zonas axardinadas para goce da poboación.

Proposta arquitectónica

A proposta arquitectónica de Foster+Partners e o estudo de Juan Carlos Cabanelas configúrase como unha gran cuberta formada por unha serie de planos de formigón sobre esveltos alicerces, entendida como a forma máis eficiente e con mínimo mantemento para proporcionar protección fronte ás choivas e a calor estival de Ourense. Concibido como un sistema modular que permite futuras ampliacións, a cuberta intégrase co edificio histórico abrazándoo e tomando a cor do seu granito, e esténdese sobre a nova praza de acceso. Este espazo queda liberado de coches tras crear o novo aparcadoiro subterráneo, xerando así un ámbito público dinámico e parcialmente cuberto con espazos comerciais na fachada da estación.

Desde esta praza accédese ao vestíbulo da ampliación, un novo espazo de tripla altura repleto de luz natural, onde se conservan e realzan os frescos orixinais que hoxe locen neste lugar. Desde este punto, e a través da zona de ampliación, pódense ver todas as vías creando así un uso intuitivo e sinxelo da estación.