Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN  DE  MOTIVOS

PREÁMBULO

O pasado verán de 2017 os medios de comunicación galegos e estatais fixéronse eco de forma reiterada da vergoñenta cesión do programa de visitas guiadas do Pazo de Meirás, Ben de Interese Cultural sito no Concello de Sada (A Coruña), á Fundación Nacional Francisco Franco. Organización que de acordo cos seus propios estatutos ten como obxectivo difundir o legado do ditador. Unha ofensa ás vítimas da represión sen precedentes nun estado democrático impensable noutras latitudes, onde a propia fundación estaría prohibida. Así é que ningunha persoa podería imaxinar unha Fundación Adolf Hitler enxalzando a súa labor, negando a represión violenta da súa obra e humillando as vítimas.

Existe constancia do incumprimento reiterado do réxime de visitas que legalmente se estableceu, recollido na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia para os Bens de Interese Cultural, de cando menos catro días ao mes, e da atención telefónica debida, que se fai mediante un número que estivo desconectado durante meses. Feitos polos que a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, abriu un expediente á familia do ditador, “propietaria” do pazo, con apercibimento de sanción, pola comisión dunha infracción administrativa en materia de patrimonio cultural, que será como máximo de 6.000 euros.

A Xunta de Galicia non pode tolerar pasivamente que a fundación se faga cargo da xestión do réxime de visitas ao BIC. Moito menos cando lle consta, en varias ocasións e por escrito, a disposición formal do Concello de Sada a asumir estas funcións.

A razón democrática esixe que as vítimas obteñan memoria, xustiza, respecto, recoñecemento e reparación. Reparación que non terá lugar mentres non se poña fin ao espolio que significou a adquisición por medio da ameaza, a extorsión e a presión da propiedade do Pazo de Meirás polo ditador, propiedade que segue a administrar os seus descendentes directos.

A propiedade e o uso do pazo por parte da familia Franco supón detentación, por título ilexítimo da súa causa e orixe, en canto resultado dun proceso de adquisición forzada e coactiva, fraudulentamente disfrazado en forma de doazón e compra-venta, tal e como acreditan probas documentais e estudos de investigadores e historiadores. Esta detentación polos herdeiros de Franco supón unha ofensa para a cidadanía, e supón un vestixio máis dos privilexios obtidos polo abuso da forza do réxime do terror.

Cómpre reparar a honra e a dignidade das persoas que foron roubadas e forzadas a ceder diñeiro e propiedades baixo risco de represalias por parte dunhas autoridades que non dubidaban en utilizar a violencia máis extrema.

A modificación da Lei 52/2007, da Memoria Histórica, e da lexislación estatal de fundacións, debe ter como obxectivo común tanto un maior recoñecemento das vítimas da represión e a reparación e reversión compensadora dos efectos, no primeiro caso, como o impedimento legal para que entidade como a Francisco Franco poidan impunemente e mesmo ao amparo da legalidade democrática divulgar, louvar e difundir o terror franquista, no segundo.

Obxectivo de modificación lexislativa que necesariamente debe contemplar as determinacións legais oportunas para que o Pazo de Meirás se incorpore ao patrimonio público, para a súa posta en valor asociada á memoria histórica, tal e como expresamente se prevé no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Sada, pendente de aprobación definitiva.

A cidadanía vénse mobilizando para acadar, por fin, a reparación e a dignificación da memoria, e neses obxectivos deberían atopar, unidos, a todos os grupos políticos democráticos. O pleno da Corporación Municipal de Sada celebrado o pasado 12 de agosto de 2017 acordou instar á Xunta de Galicia para retirar a xestión de visitas á Fundación Francisco Franco e que este servizo sexa prestado pola propia institución municipal. Preténdese así pois salvagardar a memoria e recuperar este patrimonio público.

DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN

Non consta que o Concello de Ourense "obsequiara" con bens inmobles (solares, edificacións,...) ou mobles de valor artístico e/ou histórico ao ditador Francisco Franco Bahamonde que puideran situar a este nun caso próximo ao do Concello de Sada. Con todo certo é que en novembro de 1939, a Deputación Provincial de Ourense, agasallouno cunha imaxe do "Santo Cristo" producida na "Joyería Ángel" da nosa cidade, e que, noutras ocasións, o de ditador resultou favorecido con presentes a modo de "doazóns" ou "agasallos" de distinta natureza. Así é que Ourense en Común presentaba, xunto co grupo socialista, unha moción ao pleno ordinario do mes de maio de 2016 coa finalidade de que se lle retiren a Francisco Franco e a cantos formasen parte da represión franquista, calquera recoñecemento honorífico desta institución municipal.

Malia a isto, saltando do plano físico ao inmaterial; do patrimonial ao ético; do tolerado ao legal, o ditador Francisco Franco segue na actualidade sendo propietario de forma ilexítima no día a día do noso municipio. Así é que por incrible que resulte, na cidade de Ourense, a piques de rematar o ano 2017, dez anos despois de ver a luz a Lei da Memoria Histórica, unha da prazas más céntricas da cidade nomease como "Alférez Provisional", un vestixio franquista que debeu eliminarse do noso rueiro hai tempo, pero que, a día de hoxe, segue presente ante a desidia dos responsables públicos incumprindo a propia lei.

Durante a Guerra Civil española, o bando sublevado nutriuse de estudantes para paliar a escaseza de mandos, nace así a figura coñecida como "Alférez Provisional", para denominar a aqueles oficiais con formación media e superior (na maior parte universitarios, mestres de escolas normais e técnicas ou estudantes de ensinanza media), todos eles alleos á carreira militar.

A "Junta de Defensa Nacional”, instalada en Burgos, publicaba en setembro de 1936, o decreto número 94 definindo esta figura do "Alférez Provisional". Creando, de tal modo, oficiais para suplir a escaseza de mandos intermedios. O termo "provisional" facía referencia a temporalidade do cargo, limitado á duración da contenda bélica. Deste modo, tras un fugaz período de formación, os alféreces convertíanse en xefes de sección, coa posibilidade de ascender a tenente por actos de combate. Na primeira das convocatorias para estes postos establecíase que "debían servir con preferencia en las columnas en operaciones".

Por estes discutidísimos méritos, na maioría das cidades de España, unha vez gañada a guerra polo bando franquista, dedicáronlle unha praza ou rúa ao Alférez Provisional.

A Lei da Memoria Histórica (Lei 52/2007 de 26 de decembro), afirma no seu Artigo 15, dedicado aos “Símbolos e monumentos públicos”:

"Las Administraciones públicas, en el ejercicio de sus competencias, tomarán las medidas oportunas para la retirada de escudos, insignias, placas y otros objetos o menciones conmemorativas de exaltación, personal o colectiva, de la sublevación militar, de la Guerra Civil y de la represión de la Dictadura. Entre estas medidas podrá incluirse la retirada de subvenciones o ayudas públicas".

En base a todo o exposto queda en evidencia que o Concello de Ourense mantén un rueiro fóra da legalidade vixente que incumpre a normativa. Así é que mantén unha homenaxe pública a unha figura relevante do franquismo que despreza os valores democráticos do actual estado de dereito.

EPÍLOGO

No centro desta denominada praza “Alférez Provisional” emerxe o edificio máis representativo do modernismo na cidade de Ourense, o denominado dende as súas orixes como Edificio Taboada. Este, obra do maxistral arquitecto ourensán Daniel Vázquez Gulías, foi descrito pola especialista Dª. Mª. Vitoria Carballo-Calero no seu libro “La transformación de una ciudad” como unha arquitectura “moi persoal, ás veces dunha elegancia sofisticada, na que xunto a un tradicional repertorio de flores, guirnaldas, diademas (...), teñen cabida forxas de Malingre (artesán do ferro da época), vidros, cerámicas, miradoiros acristalados e volumes construídos soltos en galería, como elementos dinamizadores. Algunhas solucións de síntese entre construción e ornamento resultan realmente novidosas". Chegando a afirmar que o edificio achégase a unha concepción gaudiana" (en referencia ao internacional e recoñecido arquitecto Antonio Gaudí).

O Concello de Ourense, en sesión plenaria do día 3 de marzo do ano 2017, acordou, por unanimidade, aprobar a incoación do oportuno expediente de honra a favor de Daniel Vazquez Gulías Martínez. Dende Ourense en Común propoñemos aproveitar a oportunidade que supón a incoación deste expediente de honra para cumprir coa Lei da Memoria Histórica e substituír a denominación “Praza Alférez Provisional” pola de “Praza Arquitecto Daniel Vázquez Gulías” en recoñecemento á labor deste arquitecto modernista que contribuíu á transformación da nosa cidade co seu legado. Con todo deberán ser as propias veciñas as que fagan chegar as propostas ao concello con máis nomes propios ou xenéricos, como lexitimas propietarias das rúas e prazas da nosa cidade.

É por todo o anterior que o grupo municipal Ourense en Común presenta ao Pleno para o seu debate e aprobación os seguintes acordos

ACORDOS:

1.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que proceda a iniciar os trámites oportunos para a apertura dun proceso de participación veciñal co obxectivo de, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, substituír a denominación “Praza Alférez Provisional”.

        

O Pleno do Concello, por dezanove votos a favor do Grupo Municipal do Partido Popular e do Grupo Municipal Socialista e do Grupo Municipal de Ourense en Común, e oito abstencións do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

 

4/01/2018: Remitido acordo plenario a dona Belén Iglesias Cortés. Recibido aviso de recepción o 5/01/2018.

Documentos: