Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

PREÁMBULO

As axudas para libros, material escolar e comedor son prestacións paliativas que no Concello de Ourense se achegan a familias por debaixo do limiar da pobreza. Tal e como recollen as bases da convocatoria no BOP do 15 de Abril de 2017, "É obxecto destas bases a regulación da concesión de axudas para adquisición de libros de texto e material escolar e para comedor escolar, destinadas a unidades de convivencia en desvantaxe social e con menor poder adquisitivo do Concello de Ourense que teñan nenos e nenas ao seu cargo (...)"

Dende a chegada do PP ao goberno e baixo a responsabilidade da Concelleira Sofía Godoy, cada ano a convocatoria e resolución destas axudas son un despropósito maior.

DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN

A educación gratuíta, universal e de calidade é un dereito recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, polo que é deber dos poderes públicos garantir o seu cumprimento para asegurar o progreso e a igualdade de oportunidades de toda a cidadanía, promovendo o desenvolvemento económico e cultural tanto do individuo como da sociedade no seu conxunto. Así mesmo, é importante sinalar que este dereito á educación esténdese máis aló dos niveis obrigatorios.

Ademais disto, a Constitución española consagra este dereito á educación e mandata aos poderes públicos para garantir o seu exercicio en condicións de igualdade e removendo os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude. Así pois, as administracións educativas deben proporcionar un servizo público que se caracterice por reducir as trabas que poidan dificultar o exercicio deste dereito. Neste sentido, correspóndelles levar a cabo as medidas oportunas para paliar as desigualdades de calquera índole que poidan presentarse, co propósito de que, con independencia das situacións familiares, sociais ou económicas de partida, todo o alumnado teña acceso á educación sen limitacións.

O servizo de comedores escolares regúlase polo Decreto 132/2013, de 1 de agosto. Neste decreto, sinálase o servizo de comedores escolares como un servizo complementario e que regula a administración galega dentro do marco das súas competencias xerais en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, na que está incluída a regulación e xestión dos servizos educativos complementarios.

O Decreto configura o comedor escolar como un recurso educativo de carácter complementario, compensatorio e social, especialmente destinado a garantir a efectividade da educación básica obrigatoria dentro dos principios de igualdade e solidariedade, ademais dun importante instrumento para a conciliación da vida laboral e familiar.

O Concello de Ourense mostra unha xestión nefasta deste servizo.

1º.- Requisitos extremadamente restrictivos:

A cuestión fundamental para o acceso a estas axudas é o nivel de renda, segundo as bases (Artigo 4.3), poden ser destinatarios das mesmas as unidades familiares que non superen os 3.500€ de renda per capita anual.

Esta cantidade ínfima, é menos da metade do que se considera para valorar unha situación por debaixo do limiar da pobreza1. Ademais disto no Decreto 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares, recolle que serán usuarios gratuítos dos comedores dependentes da consellería "os alumnos que cursen o ensino básico e o segundo ciclo de educación infantil pertencentes a unidades familiares cunha renda familiar anual neta per cápita inferior a 7.000 euros."

Polo tanto, o requisitos para subvencionar este servizo no Concello de Ourense son extremadamente restrictivos.

2º.- Publicación da convocatoria e as bases:

Este ano, a diferencia doutros anteriores, as bases e a convocatoria publicáronse no BOP cun mes de diferencia, provocando confusións entre as persoas solicitantes, ademáis de pérdidas de tempo por comezar a tramitar antes de que se formalizara a convocatoria.

3.º- Retraso no procedemento:

Ata o 18 de maio as familias non puideron comezar os trámites da solicitude, e non foi ata o 27 de setembro, ben comezado o curso, cando se fixo público un listado provisional das axudas. A día de hoxe, e pasado un mes dende a publicación provisional, aínda non temos un listado definitivo de concedidas, rexeitadas e en agarda.

4º.- Lista de agarda:

Das 726 familias solicitantes que reúnen os requisitos para acceder ás axudas, 3 de cada 10 quedaron nunha lista de agarda incerta que fai prever que nunca recibirán esa achega.

Estando a falar de familias que non superan o extremo dos 3.500€ de renda per capita anual, é dicir, cumprindo o requisito fundamental para a concesión da bolsa, 200 familias quedan sen esta axuda.

5º.- Traslado da información moi deficiente.

Por un lado, non se protexen datos especialmente sensibles á hora de facer públicas estas axudas e Ourense en Común ten información na que se pon en risco a integridade dalgunha delas por este motivo.

Ademais disto, os listados non son de sinxelo manexo polas propias solicitantes, dándose casos onde persoas situadas na lista de agarda cren que teñen a axuda concedida e levan ás súas nenas e nenos ao comedor xerando unha débeda que cada mes aumenta.

Levamos varias semanas requirindo información sobre esta cuestión sen recibir resposta por parte da Concelleira Sofía Godoy. Deste xeito, e sen datos oficiais, facemos unha estimación duns 100.000 euros que serían necesarios para que todas as familias que cumpren os requisitos reciban estas axudas. Tamén é preciso que sinalemos que dende dentro do Concello nos informan de que a cifra necesaria para a cobertura total desta axuda sería sensiblemente inferior.

Cremos que debemos apoiar esta moción tamén nunha serie de datos relevantes, que son as contías destinadas a axudas escolares nos últimos anos.

Contía 2013 - 358.305 euros

Contía 2014 - 325.000 euros

Contía 2015 - 240.000 euros

Contía 2016 - 243.348 euros

Contía 2017 - 243.150 euros

Hai un recorte de 115.000 € dende 2013, máis do que faría falta para non deixar a ninguén fóra das axudas.

EPÍLOGO

Somos testemuñas doutra grave neglixencia austericida do goberno de Jesús Vázquez na área de Servizos Sociais que dirixe a concelleira Sofía Godoy que, chegando tarde un ano máis, nin tan sequera vai cubrir a demanda de todas as familias que o precisan. Os programas sociais teñen que dar resposta a situacións cunhas características cualitativas e cuantitativas determinadas que neste proceso estánse ignorando. Non ten sentido que as familias que realmente o necesitan se poñan nunha lista de agarda para acceder a un recurso básico e fundamental para os membros máis vulnerables da unidade familiar, os menores.

ACORDOS

1.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para dotar de crédito a partida orzamentaria destinada ás bolsas de comedor, libros e material escolar ata cubrir o 100% das solicitudes que cumpren os requisitos.

        

O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

 

4/12/2017: Remitido acordo plenario a dona Sofía Godoy Gómez-Franqueira. Recibido aviso de recepción o .

Documentos: