Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Ourense é unha das provincias mais avellentadas da Unión Europea e a máis anciá de España. Coas nosas veciñas Lugo e Zamora, compartimos as cifras negativas en materia de demografía e economía, tal como se desprende dos informes Eurostat de estatística comunitaria. Concretamente, somos a terceira provincia máis envellecida de Europa, cunha poboación na que o 29,4% supera a barreira dos 65 anos de idade.

Na cidade non estamos lonxe destas cifras, na pirámide de poboación do concello de Ourense, atopamos que máis de 25.000 ourensáns son maiores de 65 anos, dos que uns 9.000 superan os 80 anos de idade.

É de sobra coñecido que somos unha provincia e un concello ancián. E que, polo tanto, unha gran parte da nosa poboación precisa de cuidados continuados. Por exemplo, se en España o 13,4% das persoas maiores de 65 anos padece Alzhéimer, soamente con este dato, poderíamos falar de que no noso concello máis de 3.000 persoas precisan atención unicamente por mor desta enfermidade. Trátase dun dato estatístico, pero sabemos ben que non está lonxe da realidade.

Nun tempo en que sabemos que resulta moi complicado conciliar a vida laboral e persoal, a maioría da poboación precisa recorrer a centros especializados, como os centros de día e as residencias xeriátricas. Na área urbana de Ourense, contamos nestes momentos con menos de 500 prazas de oferta pública. No noso concello, a maior parte dos centros atópanse en zonas da periferia como Ceboliño ou Santa Cruz de Arrabaldo.

Evidentemente, este número é ridículo para a demanda que hai. Iso sábeno perfectamente todos os que teñen algún familiar desta idade que precise dun ingreso ou simplemente dunhas horas de atención nun centro de día. As prazas son escasas, e nos centros privados os prezos son moi elevados; isto sumado ás escasas pensións que perciben os nosos maiores, fai que as familias non sexan capaces de afrontar este gasto.

No caso particular dos centros de día, o concello ofrece tan só 25 prazas, cun horario moi limitado e para uns casos moi extremos as que habería que engadir as 30 prazas concertadas no centro de alzhéimer. Os centros privados ofrecen un total de 70 prazas, que non son nada para todos os maiores que precisan pasar alí unha parte do día mentres os seus familiares traballan e non os poden atender.

Os nosos maiores son os que deron vida ao noso concello nas últimas décadas. Moitos deles emigraron nos anos 50 e 60 lonxe da súa terra e regresaron cun capital que investiron aquí. Moitos barrios e negocios medraron gracias a eles, e agora, nos derradeiros anos das súas vidas vense obrigados a estar lonxe.

Pasear polas rúas que coñecen, estar preto da familia e veciños, seguir acudindo ao seu centro de saúde... Son dereitos que non se lles poden negar. Do mesmo xeito que non se lles pode negar ás súas familias o dereito a telos preto, incluso na mesma casa, se poden arranxar a súa situación con tan só unhas horas de axuda.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, lembrou fai uns meses que era un obxectivo de lexislatura a creación dunha residencia en Ourense con 120 prazas, con unidades xeriátricas e psico-xeriátricas diferenciadas, con zonas específicas para residentes con deterioros ou trastornos cognitivos severos. ¡Teremos que lembrarlle a súa promesa!.

Por todo isto, o Grupo municipal de Democracia Ourensana, presenta a seguinte:

PROPOSTA

  1. Pedir ao alcalde que impulse en colaboración coa Xunta de Galicia a creación de novos centros de titularidade pública, tanto centros de día coma residencias xeriátricas na nosa cidade.

 

Emenda presentada polo Grupo Municipal de Ourense en Común.

EMENDA DE ADICIÓN:

TEXTO INICIAL:

  1. Pedir ao alcalde que impulse en colaboración coa Xunta de Galicia a creación de novos centros de titularidade pública, tanto centros de día coma residencias xeriátricas na nosa cidade.

ADICIÓN:

1. Pedir  ao alcalde que impulse en colaboración coa Xunta de Galicia a creación de novos centros de titularidade e xestión pública, tanto centros de día coma residencias geriátricas na nosa cidade.

TEXTO DEFINITIVO:

1. Pedir  ao alcalde que impulse en colaboración coa Xunta de Galicia a creación de novos centros de titularidade e xestión pública, tanto centros de día coma residencias geriátricas na nosa cidade.

        

O Pleno do Concello, por nove votos a favor do Grupo Municipal Socialista e do Grupo Municipal de Ourense en Común, dezaoito votos en contra do Grupo Municipal do Partido Popular e do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Rexeitar a emenda presentada por Ourense en Común.

O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

 

4/12/2017: Remitido acordo plenario a dona Sofía Godoy Gómez-Franqueira. Recibido aviso de recepción o .

Documentos: