Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

No pleno de Agosto de 2016, o Grupo Municipal Socialista presentaba para o seu debate e aprobación por parte da Corporación Municipal unha moción co fin de instar ao Goberno Municipal a adoptar unha serie de compromisos e medidas urxentes, co fin de desbloquear o caos existente na Concellería de Comercio en proxectos estratéxicos para a nosa cidade, como eran: a reapertura da Praza de Abastos da Ponte, a execución das obras de remodelación da Praza de Abastos nº 1, a nova ordenanza de veladores, a situación dos mupis da cidade, a nova concesión e ubicación do matadoiro municipal e a recuperación da Feira do 21.

Pois ben, o Pleno do Concello, naquela sesión, aprobou por 17 votos a favor dos grupos municipais de Democracia Ourensana, PSdeG-PSOE e Ourense en Común, e 10 votos en contra do Partido Popular, o punto 7 da moción: ”Instar ao Goberno Municipal a que a tradición da celebración da Feira do 21 sexa incorporada oficialmente ao calendario feiral do Concello de Ourense, dacordo coa petición dos veciños do barrio”.

Dende hai un ano, o Goberno do PP non deu cumprimento ao acordo adoptado pola maioría do pleno e decidiu desvincularse totalmente, e foron os propios veciños do barrio os que tomaron a iniciativa para que se volvera a celebrar a súa tradicional feira, a cal deu nome a esta zona, no norte da cidade, xa que se celebraba todos os días 21 de cada mes.

A iniciativa foi impulsada pola Asociación de Veciños de Santa Teresita, que levan traballando na mesma dende hai xa 4 anos a través da súa nova directiva; en colaboración coa Asociación de Comerciantes de O Vinteún, e co obxectivo de que, á marxe de xerar actividade económica e cultural no barrio, se poida tamén facer un acto de carácter simbólico e de recordo ás raíces do mesmo. Despois de moito traballo, O Vinteún recuperará a súa feira de novo o próximo 21 de Outubro de 2017, pero unha vez celebrada a súa continuidade será incerta.

Cabe recordar tamén, que a feira que se celebraba no barrio do Vinteún –cando aínda pertencía ao antigo Concello de Canedo-, concretamente no Campo do Bellao (agora Praza Diego González Blanco), foi un dos mercados máis importantes da zona e moita xente acudía dende pobos próximos co fin de vender produtos de colleita e animais. Cando se fusionaron os dous Concellos, os documentos asinados aprobaban a continuidade da feira en Canedo, pero debido á proximidade coa que se celebraba o día 17 en Ourense, decidiu cambiarse para o 29 e posteriormente para o 26, ata que pouco a pouco acabou desaparecendo.

Por todo o exposto o Grupo Municipal do PSdG-PSOE, presenta para a súa aprobación que se adopte o seguinte ACORDO:

 

  1. Instar ao Goberno Municipal a que a tradición da celebración da Feira do 21 sexa incorporada de xeito inmediato ao calendario feiral do Concello de Ourense, e que haxa un compromiso institucional de colaboración para que poida ter unha continuidade no tempo, como reivindicación histórica e tamén como cita revitalizadora para actividade comercial e cultural do barrio e do resto da cidade.

 

O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

 

25/09/2017: Remitido acordo plenarion a dona Flora Moure Iglesias. Recibido aviso de recepción o 27/09/2017.

Documentos: