Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

4.3 Moción do Grupo Municipal de Ourense en Común para instar ao goberno Municipal a que proceda a adherir o concello de Ourense ao denominado Pacto de Milán.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

PREÁMBULO

As políticas alimentarias apenas teñen oco nas axendas dos grupos municipais. Sorprende que nunca se levase ao debate público o que comemos cada día. O control sobre a produción e consumo de alimentos non só é garantía de saúde: ten consecuencias no medio e na economía.

Cunha gran superficie de chan municipal aínda verde e rural, Ourense é un concello privilexiado para construír a súa soberanía alimentaria. Aínda existe cultura do alimento de proximidade, e prácticas comerciais, coma o denominado Rianxo, que son parte indiscutible do noso patrimonio inmaterial.

Incentivar a produción local e promover redes curtas de distribución fronte ao consumo masivo de importacións non só é coherente con este legado, senón que fortalece a economía local, crea emprego e conserva a paisaxe e a biodiversidade.

O Pacto de Política Alimentaria Urbana de Milán (MUFPP) o coñecido Pacto de Milán, é o primeiro protocolo internacional en materia alimentaria que se realiza a nivel municipal. As cidades que o asinaron e as que o van a asinar comprométense a “traballar para desenvolver sistemas alimentarios sustentables, inclusivos, resilientes, seguros e diversificados, para asegurar comida sa e accesible a todos nun marco de acción baseado nos dereitos, co fin de reducir os desperdicios de alimentos e preservar a biodiversidade e, ao mesmo tempo, mitigar e adaptarse para os efectos do cambio climático”.

Rubricado inicialmente o 15 de outubro de 2015 por un nutrido grupo de cidades, o Pacto de Milán foi sumando adhesións desde entón.

O protocolo alude á responsabilidade que teñen as cidades para mellorar a alimentación das persoas que habitan nelas polo que o Pacto de Milán propón varias accións de implantación universal que van desde os hortos urbanos ou a introdución de consellos de política alimentaria ata a revisión da alimentación nas escolas, campañas de información sobre alimentos saudables, etc.

Os compromisos fundamentais deste Pacto de Política Alimentaria Urbana de Milán son os piares dun novo espazo de entendemento, colaboración e dignidade. Un novo espazo ético para a administración local.

No mes de outubro deste ano 2017 Valencia acollerá un encontro de cidades adheridas ao manifesto que servirán como paradigma das políticas susceptibles de ser implementadas en Ourense. A adhesión a este Pacto de Milán e a asistencia a este encontro de técnicos municipais especializados na materia permitirá coñecer de primeira man as posibilidades de avance na administración local para xerar contornas máis habitables, cidades máis xustas e mellor alimentadas.

DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN

Os sistemas alimentarios actuais están chamados a ofrecer un acceso constante e seguro a unha variedade de alimentos adecuados, seguros, locais, xustos, saudables e nutritivos para todos e todas; o abastecemento alimentario das cidades enfróntase a diferentes obstáculos, entre eles, o desequilibrio en termos de acceso e distribución, a deterioración ambiental, a escaseza de recursos e o cambio climático, formas de produción e consumo non sustentables, as perdas e o desperdicio de alimentos, etc. O proceso de urbanización acelerado ten un profundo impacto sobre o noso planeta -no ámbito económico, social e ambiental- con énfase na necesidade de reconsiderar as formas de abastecemento dos produtos alimenticios e da auga ás cidades, como tamén doutros bens e servizos esenciais.

 

A agricultura urbana e periurbana ofrecen diferentes oportunidades para a conservación e integración da biodiversidade no contexto urbano e nos sistemas alimentarios, contribuíndo así á creación de sinerxias entre soberanía alimentaria e nutricional, os servizos relacionados cos ecosistemas e o benestar humano. Existe unha estreita relación entre as políticas alimentarias e moitos outros desafíos e políticas a nivel urbano -tales como a pobreza, a protección social e sanitaria, a hixiene e os servizos hixiénicos-sanitarios, a planificación do uso do territorio, os transportes e o comercio, o sector enerxético, a instrución e a capacidade de reacción ás catástrofes-, polo que é esencial adoptar un enfoque integrado comprensivo, interdisciplinar e interinstitucional.

 

A sociedade civil e o sector privado desempeñan un papel clave para o abastecemento de alimentos nas cidades, contribuíndo con experiencia, innovación e campañas a favor de sistemas alimentarios máis sustentables e para a incorporación dos enfoques de inclusión social e dereitos humanos nas políticas alimentarias urbanas. Dado que os compromisos asumidos polas cidades para facer fronte aos cambios climáticos, para promover estratexias e accións dirixidas á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e favorecer a adaptación para os efectos dos cambios climáticos sobre os sistemas alimentarios urbanos e para a promoción da xestión sustentable da biodiversidade a través de iniciativas a nivel urbano no marco do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica.

Considérase que as cidades e os territorios lindeiros xogarán no futuro un papel activo á hora de levar á práctica os procesos internacionais como as metas e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), no marco da Axenda de Desenvolvemento Sustentable post-2015. Tamén foron involucradas nas negociacións para o Convenio Marco das Nacións Unidas sobre os Cambios Climáticos (COP 21) para contribuír á iniciativa Zero Hunger Challenge, abordar a cuestión das dietas urbanas sustentables durante a segunda Conferencia Internacional sobre a Nutrición e asumir un papel importante no Marco post-2015 para a Redución do Risco de Catástrofes.

 

Asumir os compromisos do Pacto de Política Alimentaria Urbana de Milán (MUFPP) supón entre outras accións que o Concello de Ourense se comprometa a:

- deseñar e implementar unha axenda para o desenvolvemento de sistemas alimentarios sustentables, inclusivos, resilientes, seguros e diversificados, para asegurar comida sa e accesible nun marco de acción baseado nos dereitos, co fin de reducir os desperdicios de alimentos e preservar a biodiversidade e, ao mesmo tempo, mitigar e adaptarse para os efectos do cambio climático.

- promover a coordinación entre departamentos e sectores a nivel municipal e territorial, favorecendo a inclusión de consideracións relativas á política alimentaria urbana dentro das políticas, os programas e as iniciativas en campo social, económico e ambiental, que interesen, entre outras cousas, a distribución e o abastecemento alimentarios, a protección social, a nutrición, a equidade, a produción alimentaria, a instrución, a seguridade alimentaria e a redución dos desperdicios.

- involucrar a todos os sectores do sistema alimentario (incluídas as autoridades locais, os entes técnicos e académicos, a sociedade civil, os pequenos produtores e o sector privado), para o desenvolvemento, a actuación e a avaliación de políticas, programas e iniciativas en campo alimentario.

- revisar e modificar as políticas, os plans e as normas existentes a nivel urbano para favorecer a creación de sistemas alimentarios xustos, resilientes e sustentables.

EPÍLOGO:

Dentro do programa da UE, URBACT II, que promoveu o intercambio e a aprendizaxe entre cidades en materia de desenvolvemento urbano sustentable, puxérase en marcha, na cidade de Ourense, a participación no proxecto "COMIDA SUSTENTABLE EN COMUNIDADES URBANAS", encadrado dentro dunha das 9 áreas de coñecemento xenérico do programa, a de "CONTORNAS URBANAS BAIXOS EN EMISIÓNS DE CARBONO".

O Plan de Acción Local (LAP) presentado polo Concello de Ourense coñecíase co nome de "COME OURENSE (Banco de Hortas)". O Plan pretendía facilitar un intercambio entre os propietarios de terras que non as traballaban e as persoas interesadas en cultivar hortas pero que non dispoñían delas.

Esta toma de conciencia da administración pública local, plasmada xunto a participación na rede en multitude de políticas locais dos diferentes departamentos como Sanidade e Educación, xunto a progresiva aparición de cooperativas de consumo (Co-ops), tendas de nova alimentación orgánica que conviven co tecido tradicional, a existencia de dúas Praza de Abastos que poden actuar como vector de liderado do comercio de alimentación dentro da cidade, revelan unha resultante de contexto favorable. É necesario xa que logo avanzar, mudar hábitos para mudar a realidade.

É por todo o anterior que o grupo municipal Ourense en Común presenta ao Pleno para o seu debate e aprobación os seguintes acordos

ACORDOS:

1.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que proceda a adherir o Concello de Ourense ao denominado Pacto de Milán.

 

O Pleno do Concello, por dezanove votos a favor do Grupo Municipal Socialista, do Partido Popular e de Ourense en Común e oito votos en contra do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

 

25/09/2017: Remitido acordo plenario a dona Flora Moure Iglesias. Recibido aviso de recepción o 27/09/2017.

Documentos: