Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN

Segundo o Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras (BOE núm. 185, de 3 de agosto de 2013), estas constitúen unha das principais causas de perda de biodiversidade. A introdución destas especies invasoras tamén pode ocasionar graves prexuízos á economía, especialmente á produción agrícola, gandeira e forestal, e inclusive á saúde pública.

Existe unha grande preocupación pola crecente expansión destas especies. O Convenio de Nacións Unidas sobre a Diversidade Biolóxica, ratificado por España no 1993, recoñeceu a existencia deste problema e estableceu no seu artigo 8.h, que cada integrante, na medida das súas posibilidades, impedirá que se introduzan, controlará, ou erradicará as especies exóticas que ameacen os ecosistemas, os hábitats ou as especies.

No caso do termo municipal de Ourense, temos un grande problema entre outras coa denominada Acacia dealbata, popularmente coñecida como Mimosa ou Acacia. Unha especie orixinaria de Tasmania e do sueste de Australia, desde Nova Gales do Sur ata Vitoria. Foi introducida en Europa na metade do século XIX e tivo unha grande expansión en España como elemento ornamental e asociada ao desenvolvemento do ferrocarril como contención nas trincheiras e ás támaras que este provocaba.

Actualmente atópase naturalizada, tanto en Ourense como no resto país, invadindo as partes baixas e medias de Galicia ata unha altitude aproximada de 600 m. No noso municipio pode observarse practicamente en calquera punto, sendo masiva a súa implantación no val do Río Loña, Velle e naquelas zonas vítimas de lumes forestais nas últimas décadas.

A problemática inherente a esta especie é a de xerar comunidades florais moi pobres ao impedir a rexeneración da vexetación natural na contorna. Consecuencia do seu rápido crecemento e da súa facilidade para xerminar e rebrotar despois dos lumes forestais. Do que se deriva asemade unha difícil e custosa erradicación. Asemade esta xera un impacto negativo tamén sobre:

• As especies, invadindo claros onde a vexetación autóctona foi eliminada. Así é que provoca a desaparición de toda a vexetación existente baixo copa (procesos competitivos e alelopatía).
• Os recursos económicos, ao atacar directamente a biodiversidade propia do noso Patrimonio Natural.
• A saúde humana, producindo varias alerxias.

Para a súa eliminación e control, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente propón:

1º) Manter en bo estado a cuberta vexetal natural, axudando a loitar activamente contra os lumes forestais dunha forma preventiva.
2º) Non empregar especies da familia e próxmas en xardinería ornamental.
3º) Erradicación vía:

• Mecánica: desarraigando a cepa completa.
• Manual: empregando herbicida concentrado na base do tronco en forma de pinceladas para minimizar os danos sobre o resto da flora.

Ao marxe do proposto dende o ministerio varias son as achegas que organizacións e colectivos como Amigos da Terra ou Sustinea veñen facendo para loitar contra a expansión desta especie invasora. Asemade varios estudos de impacto e erradicación foron realizados tamén no pasado tanto pola administración autonómica como por centros de investigación como o departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Chan da Universidade de Vigo nos concellos de Allariz, Tui, O Ribeiro, Porriño e Ponteareas.

Na mesma catalogación de especie exótica invasora está a Ailanthus altissima, recoñecida polo Catálogo español de especies exóticas invasoras (BOE núm. 185, de 3 de agosto de 2013), como flora invasora de Galicia.

É unha especie que, debido ao seu rápido crecemento e aos seus efectos alelopáticos, despraza á vexetación natural preexistente ou dificulta a súa rexeneración futura. A erradicación é difícil e custosa, principalmente se se pretenden usar métodos mecánicos, xa que non son definitivos e requiren mantemento a longo prazo. Sen embargo, a súa presenza en Ourense non é tan significativa e abundante como a acacia polo que, facendo un recoñecemento dos puntos onde está situada, podería erradircarse facilmente.

Existe a convicción do carácter nocivo destas especies e o coñecemento para implementar a súa erradicación. Trátase xa que logo de ter vontade para facelo.

É por todo o anterior que o grupo municipal Ourense en Común presenta ao Pleno para o seu debate e aprobación os seguintes acordos

ACORDOS:

1.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que elabore e implemente un plan de continxencia e erradicación da denominada Acacia dealbata, popularmente coñecida como Mimosa; e da denominada Ailanthus altissima, popularmente coñecida como árbore do ceo.

 

O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

 

11/09/2017: Remitido acordo plenario a don José Araújo Fernández. Recibido aviso de recepción o 12/09/2017.

 

Documentos: