Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A cidade de Ourense incorporou o seu gran pulmón verde coa entrada en servizo do Complexo Ambiental Botánico de Montealegre, poñendo a disposición dos veciños e visitantes da cidade 122.000 metros cadrados de superficie, acondicionando unha boa parte para o coñecemento e goce da natureza.

O Goberno Socialista nas lexislaturas pasadas traballou de forma efectiva para converter Montealegre nun parque ambiental único e de referencia en Galicia cunha actuación integral no seu entorno. O investimento de máis de 3 millóns de euros, para a adquisición de terreos e a execución de obras (financiadas co Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade), permitiu transformar este entorno de extraordinario valor paisaxístico e natural nun gran complexo de espazos didácticos e recreativos unidos entre si por itinerarios divulgativos, dotado cun miradoiro panorámico, un Centro de Interpretación e Investigación, un auditorio ao aire libre e zonas para os magostos, entre outros atractivos.

Nos exercicios anteriores poderiamos destacar algunhas intervencións que puxeron en valor este entorno e foron o orixe da recuperación deste emblemático lugar para o noso concello:

1. Construción dun edificio que alberga o Centro de Divulgación e Investigación Botánico de Montealegre, así como de edificios auxiliares con funcións de servizo e equipamento.
2. Construción dun auditorio ao aire libre na antiga canteira.
3. Acondicionamento da área de recepción de visitantes, urbanización de accesos ao novo edificio, conexión deste coa ruta didáctica e creación dunha zona de aparcamento para 75 vehículos.
4. Urbanización da rede de camiños e sendas peonís nas que se desenvolve o itinerario autoguiado, construción dun miradoiro panorámico sobre o canón do río Miño para observación da paisaxe xunto á Cruz de Montealegre.
5. Pavimentación dos camiños interiores, incluíndo as zonas destinadas a actividades populares de reunión onde se veñen desenvolvendo tradicionalmente os magostos, así como a execución de pequenas escaleiras ou unha rampa de comunicación coas mesmas.
6. Construción do invernadoiro climático, onde se introduciron as coleccións máis didácticas.

A pesar de que a proximidade ao centro urbano permitiría que o complexo se convertese nunha gran zona de recreo, paseo e deporte integrada na rede de espazos verdes do Concello, o Complexo Ambiental Botánico de Montealegre segue a precisar melloras que permitan consolidar este espazo como un centro de referencia e que o seu potencial sexa pleno. Aínda que as actuacións para completar o desenvolvemento de Montealegre requirirán varios anos, o estado no que se atopan os accesos a través da rúa da Canle e os camiños que levan ata as hortas, empeorados polas escasas actuacións do actual equipo de goberno, fan que os mesmos sexan intransitables e, incluso, perigosos para os diferentes usuarios.

Tamén é preciso levar a cabo actuacións para que as persoas con mobilidade reducida poidan gozar do complexo, posto que existen numerosos tramos intransitables para elas.

A todo iso débense sumar as deficientes comunicacións a través de transporte público para conectar o núcleo urbano co complexo, empeorando a problemática da accesibilidade neste entorno.

Por todo iso, solicitamos ao Pleno a adopción dos seguintes

ACORDOS

1. O Goberno municipal levará a cabo con carácter urxente melloras nos accesos ao Complexo Ambiental Botánico de Montealegre que permitan garantir a seguridade dos usuarios que se achegan a esta infraestrutura, mediante fondos propios ou mediante a colaboración con outras Administracións.
2. O Goberno municipal priorizará á súa vez as actuacións de mellora do entorno para o goce do mesmo das persoas con mobilidade reducida.
3. As Concellerías competentes acordarán cantas medidas sexan necesarias para establecer servizos regulares de transporte público que conecten o núcleo urbano do noso Concello co Complexo Ambiental Botánico de Montealegre.

 

O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

 

11/09/2017: Remitido acordo plenario a don José Araújo Fernández. Recibido aviso de recepción o 12/09/2017.

Documentos: