Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

PREÁMBULO

O modelo enerxético actual xa non dá máis de si. Facturacións descontroladas e casos graves de pobreza enerxética en amplas capas da poboación, prácticas escuras na produción e distribución de enerxías e un impacto ambiental que medra a cada momento. No fondo, a desacougante sensación de saber que estamos a gastar algo que se acaba. Toca renovarse.

Considerando que a enerxía é un ben público e desde o compromiso cunha xestión responsable, OueC defende a intervención da Administración no mercado enerxético, establecendo medidas fiscais, elixindo provedores limpos e de proximidade e apostando sen ambaxes polas renovables. Fixámonos como obxectivo a redución progresiva do consumo enerxético municipal. Agora cada xesto conta.

DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN

Na Comisión de Pleno Ordinaria celebrada o día 28 de outubro do ano 2016, dábase por formalizada a apertura dun prazo de emendas de 10 días hábiles á Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles para o ano 2017. Un prazo iniciado o día seguinte da entrega do expediente proposto polo equipo de goberno en Xunta de Área de Facenda e Servizos Xerais o 24 de outubro de 2016.

Dende o grupo municipal Ourense en Común presentáronse por rexistro con data 08 de novembro de 2016 cinco emendas de substitución ao texto orixinal e tres de adición. Así é que dende este grupo defendemos unha xestión municipal responsable e dilixente. Cremos que os concellos poden e deben recuperar e facer efectiva a súa vontade de ser a Casa de todas, para iso é necesario volver a establecer un pacto de confianza e traballo conxunto coa cidadanía. Un Concello no que os recursos se manexen con responsabilidade e sentido común.

O debate do financiamento municipal nunca deixa de ser protagonista; só acadando a suficiencia e a estabilidade financeiras pode un Concello actuar como servizo público, asegurando de forma rápida e directa, a vida digna das persoas que nel residen. Faise necesaria unha reforma estrutural que garanta a autonomía económica e que camiñe cara un financiamento máis ético e sustentable, reclamando mecanismos de crédito xustos e desenvolvendo unha política fiscal progresiva e equitativa. Que acheguen máis os que máis teñen. Que se prime o social fronte ao suntuario. A redistribución efectiva da riqueza é o primeiro chanzo cara un modelo económico máis xusto e solidario.

Nas últimas semanas o goberno do Concello de Ourense ten aberta unha mesa de negociación co resto de grupos municipais con representación na corporación para pechar de forma definitiva a futura ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE BENS INMOBLES. Neste proceso de negociación están a debaterse algunhas das emendas presentadas no seu día por Ourense en Común co fin de integralas no texto definitivo. En concreto queremos chamar a atención do pleno na emenda de adición ao Artigo 8 da norma pola que solicitamos “engadir un novo apartado (Punto 7) en base a lexislación vixente (Art. 74.5 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, Lei Reguladora das Facendas Locais) que permite unha bonificación de ata o 50% da cota íntegra do imposto a favor de inmobles que teñan instalado sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico”.

Sobre este marco normativo dende Ourense en Común solicitábase inserir unha bonificación do 50 por 100 na cota íntegra do imposto, sempre que así se solicite polos interesados, naqueles inmobles que teñan instalado sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico homologados pola Administración competente que proveñan de enerxía solar ou termal.

Esta emenda de adición, aínda que valorada positivamente polo equipo de goberno do Partido Popular, non puido ser engadida de forma literal ao texto segundo os técnicos competentes pola propia redacción da Lei Reguladora das Facendas Locais que limita en exclusiva este tipo de bonificacións á enerxía proveniente do sol, deixando fóra o resto (neste caso a xeotérmica).

“5. Las ordenanzas fiscales podrán regular una bonificación de hasta el 50 por ciento de la cuota íntegra del impuesto para los bienes inmuebles en los que se hayan instalado sistemas para el aprovechamiento térmico o eléctrico de la energía proveniente del sol. La aplicación de esta bonificación estará condicionada a que las instalaciones para producción de calor incluyan colectores que dispongan de la correspondiente homologación por la Administración competente. Los demás aspectos sustantivos y formales de esta bonificación se especificarán en la ordenanza fiscal.”

Art. 74.5 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, Lei Reguladora das Facendas Locais

EPÍLOGO

No subsolo de Ourense discorren a diario millóns de litros de auga quente que, máis aló das súas aplicacións mineromedicinais, son unha fonte enerxética de excepcional valor. Un recurso que noutras localidades europeas próximas con condicións xeotérmicas semellantes xa está a ser explotado como recurso para xerar calefacción, aire acondicionado ou auga quente sanitaria, subministrando tanto a vivendas privadas como a inmobles públicos a través das coñecidas como redes de district heating.

Se o Concello de Ourense fixa entre os seus obxectivos enerxéticos o fomento e desenvolvemento destas redes, como semella desprenderse da súa participación no proxecto GEOAtlantic, está na obriga de instar ás administracións supramunicipais con capacidade lexislativa para introducir bonificacións fiscais ao aproveitamento xeotérmico.

É por todo o anterior que o grupo municipal Ourense en Común presenta ao Pleno para o seu debate e aprobación os seguintes acordos

ACORDOS:

1.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que solicite á administración competente a introdución do aproveitamento termal no Art.74.5 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, Lei Reguladora das Facendas Locais.

Emenda presentada polo Grupo Municipal Socialista.

EMENDA DE ADICIÓN:

ADICIÓN DOS SEGUINTES PUNTOS:

PRIMEIRO.- Que o Concello de Ourense destine no Orzamento, partidas específicas para a instalación de enerxías renovables e medidas para o aforro enerxétido nas dependencias, instalacións (sinalización autónoma, alumado público,...) e infraestruturas municipais, e a realización de campañas de información cidadá, estudándose a esixencia de mínimos de abastecemento por renovables en futuras construccións.

SEGUNDO.- Que o Concello de Ourense, promova con entidades bancarias a concesion de micro créditos a baixo interese para fomentar a instalación de fontes de enerxía renovable e medidas para o aforro enerxético nos fogares do municipio.

TEXTO DEFINITIVO DO ACORDO:

1. 1.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que solicite á administración competente a introdución do aproveitamento termal no Art.74.5 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, Lei Reguladora das Facendas Locais.

2. 2.- Que o Concello de Ourense destine no Orzamento, partidas específicas para a instalación de enerxías renovables e medidas para o aforro enerxétido nas dependencias, instalacións (sinalización autónoma, alumado público,...) e infraestruturas municipais, e a realización de campañas de información cidadá, estudándose a esixencia de mínimos de abastecemento por renovables en futuras construccións.

3. 3.- Que o Concello de Ourense, promova con entidades bancarias a concesion de micro créditos a baixo interese para fomentar a instalación de fontes de enerxía renovable e medidas para o aforro enerxético nos fogares do municipio.

 

O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar o punto un da emenda.

O Pleno do Concello, por nove votos a favor dos grupos municipais de Ourense en Común e Socialista e dezaoito votos en contra dos grupos municipais do Partido Popular e de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Rexeitar o punto dous da emenda.

O Pleno do Concello, por nove votos a favor dos grupos municipais de Ourense en Común e Socialista e dezaoito votos en contra dos grupos municipais do Partido Popular e de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Rexeitar o punto tres da emenda.

 

11/09/2017: Remitido acordo plenario a dona Ana Fernández Morenza. Recibido aviso de recpeción o 12/09/2017.

Documentos: