Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O servizo de Cirurxía Pediátrica veuse prestando en Ourense con normalidade ata que a Xerencia do CHUOU decidiu non cubrir as vacantes producidas pola xubilación e traslado de dous cirurxiáns pediátricos hai xa case uns 6 anos, en 2013. Calquera neno desta provincia que precise unha intervención cirúrxica e que aconteza despois das 15 horas nos días de semana e ao longo das 24 dos domingos e festivos ten que ser derivado ao Hospital de Vigo, sendo o argumento da Xerencia do CHUOU que son moi escasas as intervencións deste tipo.

Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública e varias formacións políticas que se sumaron ás numerosas iniciativas do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, defendemos que non é unha cuestión de cantidade, xa que detrás de cada derivación a Vigo hai un neno ou nena a quen se lle retrasa a solución do seu problema, hai unha familia de Ourense que se ten que desprazar para acompañalo e sofre un aumento dos riscos para a saúde dos nenos supondo un incremento tamén de problemas para as súas familias. Denunciamos que non se trata só de problemas de saúde, senón de problemas humanos e sociais e unha clara perda na calidade e nos propios servizos para Ourense.

Asemade, dende o inicio do mandato no Goberno Galego de Alberto Núñez Feijóo, vimos denunciado que os recortes sanitarios son a súa sinal de identidade, e afectan case sempre ás persoas máis necesitadas, penalizan e castigan aos enfermos, e terminan por converter o dereito universal á saúde nun privilexio para todos aqueles que dispoñan de recursos económicos.

Pois ben, máis recentemente, neste ano 2017, observamos que a preocupación e indignación dos pais e nais de moitos nenos e nenas da nosa provincia que precisan de dito servizo vai en aumento, non sendo atendidos no CHUOU e aínda por riba sendo derivados a outras provincias. O cambio na Xerencia do Hospital supuxo seguir na mesma liña, convertendo a Ourense na “periferia sanitaria” de Galicia, cun Plan Director que segue a incumprir prazos, mantendo o desmantelamento da atención cirúrxica urxente para os nenos, sen repoñer cirurxiáns pediátricos, cunha lista de agarda neste servizo de preto de 140 nenos, cuxas probas de anestesia e preoperatorio caducan sistematicamente tendo que volver a ser citados.

 

Todo isto motivado polo engano da Xunta de Galicia, que a pesar de crear en 2013 a “Área de Servizo Compartido de Cirurxía Pediátrica da Zona Sur”, prometendo que os nenos con patoloxías non complexas fosen intervidos en Ourense, resultou ter o efecto contrario, os nenos non son intervidos en Ourense e son derivados á lista de espera de Vigo, que contempla un número estimado de preto de 1000 nenos pendentes de intervención. O cal tamén leva consigo efectos colaterais para os propios nenos e as súas familias, coma por exemplo: desprazamentos para consulta, preoperatorio, trámites da operación, gastos de viaxe, manutención, etc. propiciando que moitas destas familias non poidan asumilo e noutros casos que supoña un serio trastorno para conciliación da súa vida laboral e familiar.

Por todo o exposto o Grupo Municipal do PSdG-PSOE, presenta para a súa aprobación que se adopte o seguinte ACORDO:

 

  1. Instar á Xunta de Galicia a que de maneira urxente adopte as medidas oportunas para o Restablecemento do Servizo de Cirurxía Pediátrica no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense co fin de que calquera neno da nosa provincia poida acceder a ese servizo calquera día do ano sen ter que ser derivado a outra provincia galega, e se vexan reducidas as excesivas listas de agarda que están a poñer en risco a saúde e incluso a vida dos nenos e nenas da provincia de Ourense que precisan dalgunha intervención de este tipo.

 

O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

 

 13-07-2017: Acordo plenario remitido a Alcaldía. Recibido aviso de recepción o 13/07/2017.

14/07/2017: Carta de Alcaldía dirixida ao presidente da Xunta de Galicia en que insta á Xunta de Galicia a que adopte de  maneira urxente as medidas oportunas para o restablecemento do Servizo de Cirurxía Pediátrica no Complexo Hospitalario de Ourense.

14/07/2017: Carta de Alcaldía dirixida ao conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia en que insta á Xunta de Galicia a que adopte de  maneira urxente as medidas oportunas para o restablecemento do Servizo de Cirurxía Pediátrica no Complexo Hospitalario de Ourense.

14/07/2017: Carta de Alcaldía dirixida ao xerente do CHUO en que comunica moción adoptada no Pleno para instar á Xunta de Galicia a que adopte de  maneira urxente as medidas oportunas para o restablecemento do Servizo de Cirurxía Pediátrica no Complexo Hospitalario de Ourense

Documentos: