Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN

 

O Concello de Ourense rexistra, dende o ano 2004[1], unha media anual de entre 60 e 70 atropelos. Destes derivan en resultado de morte para o peón entre 1 e 2 casos.

Os lugares con maior acumulación de atropelos reinciden cada ano, sendo sempre as rúas con maior volume de tráfico as que maior índice de atropelos rexistran: Av. Marcelo Macías, Av. Zamora, Saínza, Av. Santiago, Ramón Puga, etc. Vías que a día de hoxe non contan con ningún tipo de redutor de velocidade ou infraestruturas que garantan a seguridade viaria dos peóns como pasos elevados ou bandas redutoras, concentrándose estas en zonas periféricas como Peliquín, Polvorín, Milagrosa, Cuña, Camelias, etc.

Tomando como paradigma da análise o mesmo informe da Policía Local redactado no ano 2015 obsérvase como o 75% dos atropelos débese a causas imputables ao condutor do vehículo motorizado e non ao peón. Datos que cuestionan a campaña punitiva emprendida polo goberno do Partido Popular o pasado ano sancionando a peóns. Así é que o 45% destes atropelos sucedéronse nesta anualidade enriba dun paso de peóns sen que o vehículo respectara a prioridade do peón neste espazo. Só un 18% deriváronse dun cruce indebido da rúa.

Ourense en Común ten advertido en repetidas ocasións do problema estrutural deste municipio en materia de ordenamento do tráfico e mobilidade. Afirmación baseada nos propios datos datos do Observatorio de Sostibilidade de España que sitúan a Ourense como a terceira capital de provincia máis motorizada só por detrás das insulares Palma de Mallorca e Santa Cruz de Tenerife.

Nunha análise detallada do Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Ourense do ano 2012 detéctanse graves problemas aínda hoxe vixentes. Entre outros:

  • Nos hábitos de uso do transporte privado, materializado na entrada e saída dos centros educativos municipais asolagados de vehículos.
  • Inexistencia de infraestruturas deseñadas para disuadir o tráfico motorizado do interior da cidade como aparcamentos disuasorios ás entradas da urbe.
  • Deficiencias nas posibilidades aportadas dende o transporte público mantendo frecuencias e itinerarios deseñados hai décadas para unha cidade que xa non existe.
  • Inexistencia de modelos alternativos de mobilidade tanto para o interior do núcleo urbano como na súa conexión metropolitana.

O Concello de Ourense, en concreto o seu marco urbano, asume diariamente segundo datos do Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Ourense ata 186.700 desprazamentos motorizados diarios aos que débense engadir 36.300 viaxes dende municipios limítrofes xunto con outros 59.600 viaxes con orixe no exterior da propia área limítrofe. Un conxunto total de 282.500 viaxes diarios motorizados. As porcentaxes amosadas neste estudo apuntan a que só dous de cada dez desprazamentos fanse en transporte público. O resto maioritariamente en vehículo privado dun solo condutor co impacto medioambiental e de conxestión de tráfico que deste proceder se deriva: ruído, contaminación, alta incidencia de enfermidades ligadas coa concentración de contaminantes no aire, atascos crónicos, perda de produtividade e ocio, estres, dilapidación enerxética, etc.

Neste contexto é no que se comprende a importancia de actuacións a longo prazo encamiñadas a mudar o paradigma vixente. Accións estratéxicas para o futuro da cidade como completar as circunvalacións norte e sur ou a denominada Ronda Bulevar. Infraestruturas de alto impacto que deben ir acompañadas de dous principios reitores como son a sostibilidade da acción e a participación da veciñanza na reflexión, deseño e execución das mesmas. Fomentando a pedagoxía e primando sempre o interese común, procurando aliñar a toda a sociedade na construción dun mellor Ourense para todas.

Conscientes da importancia desta temática a segunda moción presentada por Ourense en Común en pleno, o 30/07/2015, solicitaba a constitución dun Consello Municipal de Mobilidade. Un órgano consultivo conformado por representantes políticos e sociais, técnicos municipais e persoal especializado e de apoio que sería convocado para cada actuación. Unha proposta desmerecida polo equipo de goberno do Partido Popular no Concello de Ourense ata en dúas ocasións, rebaixando a súa categoría a unha mesa de traballo e adiando a súa convocatoria por máis de dez meses durante todo o ano 2016.

Iniciado o ano 2017, e co acordo por consenso dos catro grupos municipais con representación na actual corporación, iniciouse o proceso de participación cidadá denominado de forma temporal “Móvete por Ourense”. Un proxecto esperanzador a longo prazo que pretende incidir no necesario cambio de paradigma social. Así é que preténdese implicar a toda a veciñanza na mellora da calidade ambiental, a mobilidade, a pacificación do tráfico e a integración da bicicleta no ámbito urbano de Ourense.

Malia ao anterior as estatísticas de atropelos mantéñense e son necesarias accións de contención para garantir a seguridade viaria. Algunhas só demandan vontade por parte das concellerías responsables como a regulación dos tempos de espera nos semáforos dándolle prioridade ao peón sobre o vehículo motorizado. Con todo a maioría das accións de seguridade viaria requiren de partidas orzamentarias específicas non contempladas no borrador de orzamentos presentado polo Partido Popular aos grupos da oposición.

É por todo o anterior que o grupo municipal Ourense en Común presenta ao Pleno para o seu debate e aprobación os seguintes acordos

ACORDOS:

1.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que proceda a incrementar na previsión de gasto dos novos orzamentos municipais, con respecto aos de 2014, en todas as partidas ligadas á ordenación do tráfico e estacionamento, infraestruturas viarias urbanas e equipamentos, así como todas aquelas propias de mobilidade.

2.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que acometa de forma urxente un plan de contención contra os atropelos.


[1] Datos extraídos do informe da Policía Local redactado en xaneiro de 2016.

 

O Pleno do Concello por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar o punto dous da moción.

 

30/06/2017: Acordo plenario remitido a D. José Araújo Fernández. Recibido aviso de recepción o 30/06/2017.

 

Documentos: