Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Xardín do Posío é sen lugar a dúbidas unha verdadeira memoria histórica e viva da nosa cidade, un xardín diferente e con personalidade propia, que a cada paso ofrece singularidades especiais. Este xardín foi na súa orixe un xardín botánico, creado alá polo ano 1846 (mediados do século XIX) polos mestres da cátedra de Física, Química e Historia Natural do antigo Instituto de Segunda Ensinanza (actual IES Otero Pedrayo), que o dotaron de árbores e plantas traídas expresamente do Xardín Botánico de Madrid e que chegaron a reunir ata 200 especies.

A posteriori, segundo os datos obrantes nos arquivos do Concello de Ourense, no ano 1855, a instancias do Gobernador Jiménez Cuenca, o Alcalde de Ourense Ramón Vaamonde e o Bispo Luís de Lastra, por unha cantidade de 70.000 reais de vellón, acometeuse inicialmente a creación dunha nova alameda e posterior construción do xardín coa incorporación de fontes ornamentais. Este proxecto de reforma do Xardín do Posío foi un dos exemplos da renovación urbanística levada a cabo na segunda metade do século XIX nas capitais de provincia.

O recinto, que a día de hoxe conta cunha superficie comprendida entre os 17.907 e os 15.600 m2, estaba ocupado nos seus inicios por un campo comunal e a través do tempo foi obxecto de varias reformas, algunhas desafortunadas, que modificaron substancialmente o primitivo trazado, aínda que pese a elo, conserva a súa división orixinaria dos espazos autóctonos.

O Xardín do Posío está estruturado en 3 niveis:

- O Superior. O cal podemos denominar o bosque, que destaca pola súa densa arboleda e a ubicación no mesmo dos xogos para nenos.
- O Central. Onde se atopa o tradicional paseo, punto de encontro na cidade, ocupado anualmente por concertos nas Festas de Ourense e que tamén alberga unha cafetería con terrazas á sombra das bananeiras.
- O Inferior. Que conta cun xardín centrado por un paseo de palmeiras, unha frondosa rosaleda, fonte e estanque, e no que a cada paso nos podemos atopar algún pavo real. No mesmo tamén se atopan as dúas esculturas homenaxe a Prado Lameiro e Lamas Carvajal.

No ano 1985, as manifestacións dos veciños de Ourense forzaron ao Concello a executar un proxecto de reforma urxente que consistiu no replanteamento da zona baixa axardinada, outros acondicionamentos e limpeza integral da área verde, cunha inversión de 6 millóns das antigas pesetas para o apuntalamento do muro que rodea o xardín, que corría o grave risco de derrumbarse naquel momento.

Máis tarde, no ano 1996, o Concello de Ourense abriu ao público un concurso para adxudicar traballos de mellora no Xardín do Posío por un importe de preto de 600.000 €. En primeira instancia quedou deserto, pero na segunda convocatoria presentáronse ata 8 propostas, e logrou o primeiro accésit o anteproxecto denominado “Xulnanae Pastío”, aínda que o proxecto definitivo rematou integrando ideas das outras iniciativas presentadas.

Pasados xa máis de vinte anos, no ano 2017, e sendo executadas nas últimas décadas actuacións no Xardín do Posío máis orientadas á súa conservación e ao seu mantemento, cremos que é hora de apostar por unha actuación integral co fin de poñer en valor un lugar histórico e emblemático da nosa cidade, que precisamente nos últimos dous anos de mandato do Goberno do PP no Concello de Ourense está a acadar as súas cotas máis altas de abandono, como pode comprobar persoalmente e constatar calquera veciño da cidade que ata esta céntrica área verde se achegue no seu tempo de lecer.

Por todo o exposto o Grupo Municipal do PSdG-PSOE, presenta para a súa aprobación que se adopten os seguintes ACORDOS:

1. Instar ao Goberno Municipal a que proceda á Redacción dun Proxecto de Rehabilitación Integral e Posta en Valor do Xardín do Posío.

2. Instar ao Goberno Municipal que comprometa nos vindeiros Orzamentos Municipais unha partida económica para a execución do Proxecto de Rehabilitación Integral e Posta en Valor do Xardín do Posío.

 

O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar o punto un da moción.

O Pleno do Concello, por dezaseis votos a favor dos grupos municipais Socialista, de Democracia Ourensana e de Ourense en Común e dez abstencións do Grupo Municipal do Partido Popular, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar o punto dous da moción.

 

30/06/2017: Acordo plenario remitido a D. José Araújo Fernández. Recibido aviso de recepción o 30/06/2017.

 

Documentos: