Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

 

"Permítanme que lles conte un conto.

Teseo tiña un barco, era un fermoso barco coñecido por todos os atenienses. Co paso dos anos, Teseo foi substituindo todas e cada unha das pezas orixinais, desde as táboas de cuberta ata a máis pequena das manivelas. Xeracións despois, ningunha das pezas orixinais revestían o barco, todas foran substituidas. E, con todo, todos os atenienses sabían que ese era o barco de Teseo. E sabíano porque lembraban que o era. Ese era o barco de Teseo porque na memoria de todos habitaba o ininterrompido relato de que ese fora sempre o seu navío."
Juan Diego Botto

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

PREÁMBULO

Roubáronos o relato da nosa historia. A día de hoxe a construción dunha nova memoria, que dignifique aos heroes e heroínas e que sinale aos verdugos, aínda está en proceso. É necesario falar da memoria, desmontar o discurso hexemónico, creado e inculcado na ditadura. Como responsabilidade social pero fundamentalmente política.

Por iso, é preciso construir un relato do noso pasado que abandone as formulacións tradicionais da equidistancia e a responsabilidade compartida, pouco rigorosos coa xénese e as causas da Guerra Civil. Como sinala a investigación histórica nos últimos anos, a Guerra Civil e a represión posterior foron a culminación dun proceso que puxo fin á democracia, protagonizado por un sector do exército e da sociedade española que se opoñían non só á continuidade da Segunda República e o seu programa de reformas senón tamén, á cultura democrática que arraigara na cidadanía desde finais do século XIX. Un comportamento criminal que se manifestou, unha vez acabada a Guerra Civil, na represión sistemática da posguerra e mantívose ata o momento mesmo da morte do ditador cos fusilamentos de 1975.

A recuperación da memoria histórica ten que converterse, en suma, na construción dun relato que, nutrido do discurso histórico máis rigoroso posible, explique o noso pasado nunha clave de defensa dos valores e as institucións democráticas, que fomente o exercicio da virtude cívica e contribúa a profundar o no réxime democrático. Desta maneira, a memoria histórica será de todas e todos os demócratas.

DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN

Este ano, 2017, hai 81 anos do inicio da Guerra Civil e 42 da morte do ditador Franco.

Todo fai pensar que, despois de todo este tempo, unha democracia forte conseguiu curar as feridas da guerra e da ditadura e recuperar a memoria histórica, evitando o esquecemento de feitos que no seu momento escondéronse.

Con todo, a realidade parece ser moi diferente: durante a transición moitos dos dirixentes franquistas, lonxe de apartarse da vida pública e do poder e de asumir responsabilidades, camufláronse no aparello do Estado e dos partidos políticos, mantendo os privilexios que tiñan durante o réxime. A memoria histórica, máis que recuperarse, foise perdendo a medida que as testemuñas da época foron morrendo. Moitas das fosas continúan sen ser abertas nin identificados os cadáveres que xacen; e, o tema que nos ocupa agora mesmo, numerosos símbolos franquistas continúan na vía pública, facendo homenaxe ao ditador e pisando a memoria das demócratas.

Cremos que nunha sociedade cunha democracia xa non pode ter símbolos fascistas exhibidos de calquera xeito á vía pública, posto que o esquecemento nun recuncho da rúa manifesta que non se fixo limpeza con aquela época, simplemente se pasou páxina sen afrontar o pasado.

Para acabalo de adobar, a Lei 52/2007, do 26 de decembro, coñecida como a Lei de Memoria Histórica, establece no artigo 15 que as administracións públicas están obrigadas a retirar da vía pública os símbolos franquistas.

Non atopamos datos de Galicia, pero cremos que os aportados polo Memorial Democrático sobre Cataluña son totalmente extrapolables. Un 93% dos símbolos franquistas que hai en Cataluña son placas da vivenda, que conteñen o símbolo franquista do Instituto Nacional da Vivenda, co xugo e as frechas moi visible. O xugo e as frechas, símbolo da Falanxe, non se trata dun símbolo neutro, senón que transmite claramente os valores fascistas do franquismo. A maioría delas están esquecidas nun recuncho das fachadas dos edificios da época, cunha capa de po. Este esquecemento é o que nos preocupa, porque manifesta, por todo o que expuxemos, unha normalización da foto fixa tenebrosa do fascismo.

EPÍLOGO

É responsabilidade do Concello, limpar a capa de po escuro que aínda perdura nas nosas rúas. Por simbólica que pareza esta acción, a pasividade e a normalidade coa se convive co peor da nosa historia pendurado nas fachadas, clama por unha medida que revirta esta situación, de "mirar cara outro lado", de "facer que non pasa nada".

"Hai un dito que é tan común como falso: O pasado, pasado está, cremos. Pero o pasado non pasa nunca, se hai algo que non pasa é o pasado, o pasado está sempre, somos memoria de nós mesmos e dos demais, neste sentido somos de papel, somos o papel onde se escribe todo o que sucede antes de nós, somos a memoria que temos" J.Saramago

ACORDOS:

1. O Pleno Municipal do Concello de Ourense acorda, instar ao Goberno Municipal para que leve a cabo a retirada, en todo o Concellos das placas da vivenda, que conteñen o símbolo franquista do Instituto Nacional da Vivenda, co xugo e as frechas.

Emenda presentada polo Grupo Municipal de Partido Popular

EMENDA DE MODIFICACIÓN

TEXTO INICIAL:

1.- O Pleno Municipal do Concello de Ourense acorda, instar ao Goberno Municipal para que leve a cabo a retirada, en todo o Concellos das placas da vivenda, que conteñen o símbolo franquista do Instituto Nacional da Vivenda, co xugo e as frechas.

MODIFICACIÓN:

1.- O Pleno Municipal do Concello de Ourense acorda, instar ao Goberno Municipal para que solicite os informes técnicos e xurídicos a efectos de iniciar o procedimento correspondente para a retirada, en todo o concello, das placas da vivenda, que conteñen o símbolo franquista do Instituto Nacional da Vivenda, co xugo e as frechas.

NOVA REDACCIÓN FINAL:

1.- O Pleno Municipal do Concello de Ourense acorda, instar ao Goberno Municipal para que solicite os informes técnicos e xurídicos a efectos de iniciar o procedimento correspondente para a retirada, en todo o concello, das placas da vivenda, que conteñen o símbolo franquista do Instituto Nacional da Vivenda, co xugo e as frechas.

 

O Pleno do Concello, por dez votos a favor do Grupo Municipal do Partido Popular e dezaseis votos en contra do Grupo Municipal Socialista, Democracia Ourensana e Ourense en Común, adoptou o seguinte ACORDO: Rexeitar a emenda.

O Pleno do Concello, por dezaseis votos a favor do Grupo Municipal Socialista, Democracia Ourensana e Ourense en Común, e dez abstencións do Grupo Municipal do Partido Popular, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

30-05-2017: Acordo plenario remitido a dona Belén Iglesias Cortés. Recibido aviso de recepción o 30/06/2017.

 

Documentos: